Marín reunirá 20 equipos ciclistas cadetes e junior na XXXI edición do Trofeo Virxe do Carme
Por Redacción
O Club Ciclista Marín organiza por trixésimo primeiro ano consecutivo o Trofeo Virxe do Carme para ciclistas das categorías cadetes e junior tanto masculinos como femininos. Será o vindeiro domingo 7 de xullo. Trátase dunha proba deportiva incluída no programa de actividades das Festas de Verán do Concello de Marín.
A proba, inscrita no calendario galego, contará con 20 equipos de todas partes da comunidade. Será unha carreira en ruta na que se prevé unha alta participación e que percorrerá os municipios de Marín e Pontevedra.
O percorrido terá a saída desde Marín e circulará por algunhas das súas parroquias antes de encamiñarse cara á cidade de Pontevedra, onde os afeccionados poderán gozar do mellor do ciclismo amateur.
Os cadetes terán un percorrido de 56 quilómetros mentres que os ciclistas de categoría junior farán 74 quilómetros onde, ademais da clasificación xeral, disputaranse varios premios de montaña e metas volantes.
Un ano máis subirase varias veces desde Marín cara a Pontevedra o Alto do Casal, de terceira categoría, que comeza en San Xulian cara a Salcedo. Por el faranse cinco pasos que se repartirán entre as dúas categorías aumentando así, segundo os seus organizadores, a dureza da proba.