A vitoria do Pontevedra diante do Coruxo (2-0) no seu debut ligueiro dispara o optimismo

© Diego Torrado

© Diego Torrado

© Diego Torrado
Estrea soñada para o Pontevedra. Os granates derrotaron con claridade ao Coruxo por dous goles a cero nun encontro no que as novas fichaxes, Bustos e Adighibe, brillaron para dar ao equipo de Pasarón os tres primeiros puntos da tempada e disparar a ilusión entre a afección. A primeira parte foi un monólogo dos de Luismi, que asinaron dous tantos de bela factura que sentenciaron a un Coruxo que nunca deu sensación de perigo. Na segunda, o ritmo decaeu, o Pontevedra pechouse atrás para buscar o terceiro gol á contra, Nunca chegou, pero tampouco os vigueses tiveron opcións claras de reducir diferenzas.
O conxunto local saíu coa idea fixa de xogar en campo contrario. E así o fixo. Coa presión alta, os granates puideron romper o empate inicial moi pronto. Adighibe recibiu o balón en interior da área, escapóuselle o control e Alberto chegou a despexar, aínda que na saída levou ao dianteiro granate por diante. Pediu penalti, pero o colexiado non o sinalou.
O Pontevedra seguiu ao seu e só cinco minutos despois Pasarón celebrou o primeiro gol da temporda. Unha obra de arte de Álvaro Bustos que asinou o que será un dos mellores goles da liga. Pediu a bóla pegado á liña de cal da banda dereita, á altura do mediocampo, ao primeiro toque e de costas desfíxose da súa marca cun caño espectacular, cabalgou cara á área e foise de Crespo cunha cola de vaca, levantou a cabeza e coa dereita cruzoulla a Alberto. O templo granate estalou de xúbilo e asombro.
Co marcador a favor, o Pontevedra seguiu sendo amo e señor do partido. Movían o balón dun lado ao outro do campo, mentres o Coruxo só podía perseguir sombras. Con todo, os vigueses puideron igualar o partido nunha acción na que Sylla entrou polo flanco dereito, cedeu a Jacobo Trigo, pero o exgranate, só no punto de penalti, disparou alto.
Pasado o susto, os granates seguían ao seu. A enésima triangulación entre Bustos, Romay e Adighibe puido acabar co segundo tanto do equipo local antes de cumprirse a media hora. Con todo, o disparo do novo dianteiro do Pontevedra foise moi alto. E uns minutos despois foi Javi Pazos o que puido ampliar a renda. Recolleu o balón no centro do campo e avanzou en solitario ata a área, pero non soubo como resolver e acabou perdendo o balón.
O Coruxo seguía desaparecido, incapaz de contrarrestar o dominio físico e futbolístico dos granates. E finalmente chegou o segundo tanto noutra brillante acción individual do Pontevedra. Esta vez foi Adighibe o que baixou cun toque sutil un balón que caía das nubes, encarou ao seu defensor e coa súa poderosa zancada gañou a liña de fondo, puxo un pase raso ao área pequena pero non había rematador, só Jeremy Valerón que, de forma inexplicable, despexou o balón ao interior da súa portería.
Antes do descanso houbo dous achegamentos máis ás áreas. O primeiro o rpotagonizó o dianteiro do Coruxo, Diego Silva, pero o seu remate en ferro foise desviado. No lado contrario, Adi probou fortuna cun forte tiro raso que Alberto soubo blocar.
Tras o paso por vestiarios o ritmo do partido decaeu. O Coruxo estaba obrigado a lanzarse ao ataque para reducir diferenzas, tentouno pero máis por empuxe que por fútbol. O Pontevedra, pola súa banda, preferiu encerrarse atrás e aproveitar saídas rápidas ao contragolpe para matar o partido.
Sen chegadas claras de ningún dos dous equipos e coas pernas cargadas da pretemporada, os adestradores optaron por mover o banco. O primeiro en entrar por parte do Pontevedra foi Javi López, que volveu pisar Pasarón nun encontro oficial sete meses despois da súa grave lesión de xeonllo. E puido estrearse da mellor forma posible, cazou un rexeite na interior da área e lanzou un disparo axustado á cepa do poste pero Alberto atallouno con apuros.
Ao pau foise o disparo de Mateo despois dunha xogada individual na o que se foi de varios defensores granates. O seu tiro, raso e frouxo, desviouno o xusto Edu para evitar o primeiro tanto do Coruxo. Foi a última opción dos visitantes, porque o Pontevedra volveu recuperar o control do partido nos minutos finais para agarrar o primeiro triunfo do novo curso.
FICHA TÉCNICA
Pontevedra CF: Edu; Nacho López, Víctor Vázquez, Pol Bueso, Naveira; Sana, Berrocal (Álex Fernández, min. 70), Javi Pazos (Javi López, min. 66), Romay, Bustos; Adighibe (Pedro Vázquez, min. 75).
Coruxo FC: Alberto; Antón de Viente, Crespo, Lucas, Yeremi Valerón; Borja Yebra, Jacobo Trigo (Barril, min. 74), Sylla (El Ouatani, min. 74), Mateo, Añón; Diego Silva (Álex Ares, min. 54)
Árbitro: Fernández Buergo (colegio asturiano) amonestó a Naveira, Berrocal y Romay por parte del POntevedra; y a Jacobo Trigo, Mateo, Crespo y Borja Yebra, por parte del Coruxo.
Goles: 1-0, Álvaro Bustos, min. 7. 2-0, Yeremy Valerón (propia puerta), min. 34.
Incidencias: Partido disputado en el estadio municipal de Pasarón ante unos 2.000 espectadores.
O Pontevedra vence ao Coruxo no primeiro partido de liga
Os granates conseguiron os tres primeiros puntos do curso grazas aos goles de Álvaro Bustos y de Jeremy Valerón en propia puerta
© Diego Torrado
Rolda de prensa do adestrador de Pontevedra, Luismi Areda
O adestrador valorou a vitoria do seu equipo diante do Coruxo
Rolda de prensa do adestrador do Coruxo, Míchel Alonso
O adestrador do cadro vigués lamentou a derrota do seu equipo
Relacionadas:
-
Álex Fernández: "Acabar así é apoteósico, en Pasarón sempre aparecen esas pantasmas a favor"
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra agarda ao Sporting B coa dúbida de Adighibe
Por Manu Otero |
-
Luismi promete cambios no once do Pontevedra para recibir ao Sporting B
Por Manu Otero |
-
Oito minutos iniciais de terror permiten ao Racing de Ferrol golear o Pontevedra (4-1)
Por Redacción |
-
Dous autobuses acompañarán o Pontevedra no derbi fronte ao Racing
Por Almu Dapena |
-
Álex González acurta os prazos e reaparecerá na Malata
Por Manu Otero |
-
A páxina de Wikipedia do Pontevedra, alterada con mensaxes ofensivas cara o club e a súa afección
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra quere tinguir A Malata de granate
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra estrea a súa nova equipación
Por Manu Otero |