Francia vence a Dinamarca nunha final anticipada do Mundial Júnior e plántase en semifinais
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Había quen a consideraba unha final anticipada do Mundial Júnior de Balonmán, e desde logo o seu nivel non defraudou. O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra acolleu este xoves 25 de xullo dous dos cuartos de final da competición, entre os que se atopaba un esperado Francia-Dinamarca.
O combinado galo, que viña de deixar na cuneta a España e dunha primeira fase irregular, atopou o seu mellor nivel no momento da verdade, e nesta ocasión superou a Dinamarca por 35 goles a 32 para plantarse nas semifinais.
Os franceses sobrepuxéronse a un mal inicio, provocado pola forte defensa e rápidas transicións duns daneses que chegaban ao descanso con vantaxe de 14 a 16, tras unha lixeira reacción final de Francia.
A segunda parte proseguiu a un nivel de revolucións aínda maior, cunha intensidade defensiva que provocou mesmo a descualificación de Gaudin, pero o conxunto galo repúxose da man de Élohim Prandi para levar a vitoria.
O seu rival nas semifinais do próximo sábado, que se xogarán no Municipal pontevedrés, será unha selección de Exipto que xa non supón ningunha sorpresa e colocouse por méritos propios como unha das candidatas ao título mundial. O equipo norteafricano superou no pavillón vigués das Travesas a Noruega (29-27).
O outro encontro de cuartos de final que se xogou na capital provincial foi o que enfrontaba a Tunes e Croacia (24-27), con dominio da selección balcánica desde a primeira metade.
Os croatas trataron de marcar distancia desde o inicio, e aínda que Tunes resistíase, ao descanso o marcador era de 9-13 ao seu favor. Co resultado de cara, no segundo acto os de Davor Dominiković foron controlando a súa renda, e aínda que o conxunto africano chegou a poñerse a 2 goles nos instantes finais, non puxo en perigo a vitoria de Croacia.
Pola súa banda, no último choque de cuartos de final, en Vigo, Portugal venceu a Eslovenia (26-25) cunha gran actuación do seu porteiro Valerio, decisivo nos últimos minutos.
O Mundial Júnior descansa agora o venres antes da recta final, cunhas semifinais que se xogarán o sábado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra na seguinte orde: Exipto-Francia (18:00 horas) e Portugal-Coracia (20:30 horas). Ademais disputaranse o Noruega-Dinamarca (13:00 horas) e o Eslovenia-Tunes (15:30 horas) para establecer as posicións do quinto ao oitavo lugar.
Relacionadas:
-
Francia gaña o Mundial Júnior de balonmán ao derrotar a Croacia
Por Sofía Lorenzo |
-
Francia ou Croacia, só un pode ser o mellor do mundo
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
España cae por penaltis ante Alemaña e finaliza o Mundial Júnior de balonmán na décima praza
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Portugal elimina a Alemaña na prórroga e Dinamarca sofre diante de Hungría
Por Manu Otero |
-
España afúndese na última xogada despois de romontar seis goles a Francia
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Rouban equipos de 30.000 e 50.000 euros a dous fotógrafos internacionais que cobren o Mundial de Balonmán
Por Natalia Puga |