Francia ou Croacia, só un pode ser o mellor do mundo
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado
Pontevedra despediuse, este sábado, do Mundial Júnior de Balonmán. O Pavillón Municipal dos Deportes acolleu os dous partidos correspondentes ás semifinais, ademais dos que decidirán que seleccións ocuparán as prazas da quinta á oitava da competición internacional.
Ao redor das 18:00 horas comezaba nas instalacións pontevedresas o primeiro das dúas cruces da semifinal. Viviuse a tensión ata o bociñazo final entre Francia e Exipto, que, co obxectivo de xogar a gran final, loitaron por manter unha intensidade alta durante os 60 minutos. Foi un partido moi rifado, xa que, aínda que a selección francesa marchásese con tres goles de vantaxe ao descanso, nada estaba decidido aínda. Tanto foi así que os exipcios conseguiron, durante o segundo tempo, recortar distancias, pero non o suficiente como para levar o gato á auga. Finalmente, vitoria de Francia por un 33-35.
O segundo partido foi o que confrontou a Portugal e Croacia a partir das 20:30 horas. Despois dunha primeira parte na que, a pesar da igualdade, terminou por impoñerse Croacia (9-12), o segundo tempo estivo moito máis rifado. Chegando mesmo a empatar en varias ocasións, os portugueses perderon a oportunidade e, tras varios erros nos últimos compases, quedaron sen a posibilidade de medirse a Francia na final, que se disputará este domingo ás 14:30 en Vigo.
No referente aos choques dos equipos que non chegaron a semifinais, en primeiro lugar, ás 13:00 horas, o pavillón pontevedrés acolleu o Noruega-Dinamarca, que o segundo levou por unha diferenza de seis goles pero non sen sufrir. Os noruegueses fóronse ao descanso por diante no marcador (22-18), pero, os daneses, apoiados na eficiencia anotadora de Mathias Gidsel, terminaron por gañar por un 34-40.
A continuación, enfrontáronse Eslovenia e Tunez. Aínda que tamén foi un cruzamento moi equilibrado, a balanza, desde o inicio, decantouse un pouco máis polos eslovenos (31-27), que este domingo medirase, nas Travesas, a Dinamarca para pelexar pola quinta praza do Mundial. Pola súa banda, Noruega e Tunez farano pola sétima.
Este domingo tamén se disputará, en Vigo a partir das 14:00, o partido correspondente coa disputa polo terceiro e cuarto posto entre o Egipto e Portugal.
Relacionadas:
-
Francia gaña o Mundial Júnior de balonmán ao derrotar a Croacia
Por Sofía Lorenzo |
-
Francia vence a Dinamarca nunha final anticipada do Mundial Júnior e plántase en semifinais
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
España cae por penaltis ante Alemaña e finaliza o Mundial Júnior de balonmán na décima praza
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Portugal elimina a Alemaña na prórroga e Dinamarca sofre diante de Hungría
Por Manu Otero |
-
España afúndese na última xogada despois de romontar seis goles a Francia
Por Manu Otero & Cristina Saiz |