A carreira nocturna Ponle Freno busca superar o milleiro de corredores
Por Manu Otero
A carreira nocturna de Pontevedra quenta motores. O 29 de xuño celébrase a terceira edición da carreira Ponlle Freo que esta ano márcase como obxectivo superar o milleiro de corredores alcanzado na pasada edición.
A proba, que se enmarca no circuíto de carreiras populares de Pontevedra, percorrerá desde as 21.30 horas o centro da cidade do Lérez con dous percorridos. Un de dez quilómetros para os corredores máis expertos e outro de cinco, para os menos atrevidos. A recadación da inscrición, cuxo prezo é de 5 euros, irá destinada á asociación Amizade para axudar ás vítimas de accidentes de tráfico.
Antes do pistoletazo de saída na Avenida de Montero Ríos, celebraranse as xa clásicas carreiras infantís ás que a organización convida a participar a todas as familias. "A carreira de Pontevedra é unha cita fundamental porque é un exemplo polas medidas de seguridade viaria que ten en marcha", sinala Natalia Rico, representante de Atresmedia, a empresa que promove esta iniciativa por diferentes cidades do país.
O principal obxectivo deste evento é a recadación de fondos para as vítimas dos accidentes de tráfico e concienciar á sociedade da necesidade do perigo que supón incumprir as normas de circulación. O diñeiro irá parar á fundación Amizade, que destinará a recadación para impartir charlas en centros de educación e a apoio psicolóxico e de fisioterapia a aquelas persoas afectadas polos sinistros. "Ponlle Freo é un chanzo máis nas medidas para rematar coa violencia viaria", dixo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores na presentación do evento que tivo lugar esta mañá.
Os interesados en participar na carreira poden facelo na páxina web de Ponle Freno ou a través da plataforma Championchip Norte. Así mesmo, para aqueles que non están convencidos de completar un percorrido tan longo, a organización pon á súa disposición unha fila cero na que realizar doazóns a esta causa. A recollida de dorsais terá lugar no instituto Valle Inclán o mesmo día da carreira en horario de mañá e tarde.