Máis dun milleiro de atletas din stop aos accidentes na 'Ponle Freno'
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Segunda edición da carreira 'Ponle Freno' en Pontevedra e novo éxito de organización e participación. Máis dun milleiro de atletas achegaron o seu gran de area á iniciativa pola seguridade viaria promovida polo grupo Atresmedia.
As rúas do centro urbano enchéronse de corredores nunha proba que novamente contou con personaxes coñecidos como ou o ex atleta Martín Fiz, que repetiu participación, finalizando na carreira longa de 10 quilómetros no quinto posto da xeral.
A actividade iniciouse coas carreiras de menores para despois pasar á proba absoluta, ás 21:30 horas, coa opción de completar 5 ou 10 quilómetros de percorrido.
Cada participante achegaba 5 euros pola súa inscrición e a recadación total será destinada integramente a unha campaña de Stop Accidentes no municipio pontevedrés, en concreto a un proxecto piloto nunha contorna escolar do rural.
Na proba de 5.000 metros o vencedor en categoría masculina foi Juan Carlos Mosquera (15:51) e na feminina Ángeles Castro (18:58).
Pola súa banda nos 10.000 metros o máis rápido foi Luís Carlos Rivero (30:29) na categoría masculina, por diante de Anxo Castro que entraba a só 11 segundos (30:40) na categoría masculina, mentres na feminina a gañadora foi Olalla Saborido (39:42).
Consulta aquí as clasificacións completas da carreira popular Ponle Freno de Pontevedra.