A 4 Picos Road consolídase no calendario con máis de medio milleiro de participantes
Por Redacción & Diego Torrado
Domingo de verdadeira afección ao ciclismo o vivido este 16 de xuño polas estradas de Pontevedra grazas á 4 Picos Road 'Clásica Evaristo Portela'.
Na súa terceira edición a marcha cicloturista demostrou ser un evento consolidado coa participación de máis de medio milleiro de deportistas.
Entre eles atopábanse grandes figuras do tríatlon local e nacional, como Javi Gómez Noya, Pablo Dapena, Vicente Hernández ou Tamara Gómez, ademais de Óscar Pereiro, campión do Tour de Francia, arroupando ao homenaxeado director do Supermercados Froiz, Evaristo Portela.
Todos eles afrontaron unha ruta na que a súa opción completa contemplaba 121 quilómetros de percorrido e ata 2.617 metros de desnivel acumulado positivo con ascensións ao Lago de Castiñeiras, Miradoiro de Morañó, Monte Acibal e Monte Castrove antes de concluír no mesmo lugar da súa saída, a Avenida Montero Ríos de Pontevedra.
A organización tamén habilitou opcións menos esixentes, con subidas a tres picos (95 quilómetros) e a dous (75 quilómetros).