A Pontevedra 4 Picos abre inscricións para a súa sexta edición
Por Redacción
Aínda falta moito, pero a sexta edición da Pontevedra 4 Picos xa está en marcha.
A proba, consolidada xa no calendario deportivo local, abriu inscricións para a súa edición de 2020, que se celebrará o sábado día 9 de maio.
En concreto, os primeiros días do prazo de anotación reserváronse para os que participaron en 2019, que contarán cun desconto. Para o resto, a inscrición abrirá o vindeiro venres 29 de novembro, con posibilidade de que sexa cancelada con devolución do importante se se realiza antes do mes de marzo.
Facendo caso á opinión dos participantes, a organización decidiu manter o sentido do percorrido para 2020, engadindo só algunhas pistas, sendas e trialeras novas. Así, os ciclistas afrontarán por esta orde as subidas ao Monte Castrove, Monte Acibal, A Fracha e Lago de Castiñeiras por Xaxán, con opción de realizar medio roteiro (65 quilómetros) con só as dúas primeiras ascensións.
As inscricións permanecerán activas ata o día 26 de abril na web www.pontevedra4picos.com.
Na última edición foron preto de 1.600 os participantes na Pontevedra 4 Picos, moi preto do límite de 1.800 que se mantén como tope para o próximo ano.