A marcha cicloturista '4 Picos Road' apraza ata o 25 de outubro a súa cuarta edición
Por Diego Espiño
O calendario deportivo da cidade segue readaptándose aos poucos coa esperanza de retomar nalgún momento a normalidade e conseguir salvar algúns dos eventos previstos.
É o que lle pasou á Pontevedra 4 Picos Road 'Clásica Evaristo Portela', que tiña previsto celebrar a súa cuarta edición o próximo 21 de xuño pero que finalmente optou polo aprazamento.
Así o anunciou a organización do evento, Global DxT, fixando a nova data para a marcha cicloturista no domingo 25 de outubro.
"Ao comezo desta crise a idea da organización era a de manter a calma e a data da proba, debido a que considerabamos que non podiamos apresurarnos a tomar unha decisión e debiamos esperar a ver como sucedían os acontecementos e cales eran as indicacións das autoridades competentes. Actualmente, xa sabemos que o desconfinamento será lento e pausado para poder facer as cousas ben, e é por iso, que a dous meses vista, consideramos que o aprazamento é a mellor das solucións nestes momentos", explicaron.
A nova data foi consultada coa Federación Galega de Ciclismo, pero ante a posibilidade de que a algúns deportistas xa inscritos o cambio non lles permita acudir ofrécese ou ben cambiar a titularidade da praza a devolución do 100% do importe adiantado.
Na súa cuarta edición a Pontevedra 4 Picos Road tiña previsto variar o seu percorrido pero mantendo a súa esencia, con ao redor de 127 quilómetros de ruta e un desnivel acumulado positivo de 2.700 metros.
Relacionadas:
-
Celebran a mobilidade interprovincial realizando o Camiño de Santiago en bicicleta desde Pontevedra
Por Redacción |
-
A Epic Race de BTT reduce distancias e busca nova data no calendario
Por Diego Espiño |
-
Aprazada ata o 12 de setembro a Pontevedra 4 Picos Bike
Por Redacción |
-
A 4 Picos Road consolídase no calendario con máis de medio milleiro de participantes
Por Redacción & Diego Torrado |