Derrota do Voleibol Pontevedra no primeiro partido do play-off
Por Redacción
Pechada a primeira fase da competición na Primeira División Galega, o Club Voleibol Pontevedra iniciaba a fin de semana o play-off polo título autonómico cun duro reto, tentar superar ao subcampión da liga regular, o Calasancias da Coruña.
As pontevedresas afrontaban con ganas de dar a sorpresa o primeiro partido da serie no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, pero o cadro coruñés non deu opción.
A compacta defensa do Calasancias facía complicado puntuar ao CVP, resultando decisivas as accións de contraataque para pechar o duelo en tres mangas.
O resultado final foi de 20-25, 14-25 e 16-25, pese ao esforzo e a intensidade das locais.
A eliminatoria viaxa agora á Coruña, onde o día 23 de marzo o Voleibol Pontevedra tentará empatar a serie para manter opcións de acceder á final a 4 do campionato galego.