O Waterpolo Pontevedra proponse 'educar para a vida'
Por Redacción
'O waterpolo educa para a vida'. Así reza o lema do novo proxecto que pon en marcha esta tempada o Club Waterpolo Pontevedra, coincidindo co seu vixésimo aniversario.
A entidade pontevedresa deseñou unha serie de xornadas formativas nas que tentar inculcar aos seus deportistas valores, hábitos e habilidades sociais que contribúan ao "desenvolvemento dunha sociedade máis comprometida, responsable e xusta", explica o club.
Estas xornadas están pensadas para as xogadoras e xogadores do Waterpolo Pontevedra e os seus familiares, pero abriranse ao público xeral.
O calendario previsto das sesións inclúe unha charla ao mes, empezando o próximo 24 de novembro con 'Nutrición e hábitos alimenticios no mozo deportista', impartida polo técnico do CW Pontevedra Enrique García, Doutor en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e Máster en Nutrición Humana e Didáctica.
As seguintes xornadas versarán sobre: beneficios e riscos das redes sociais, soporte vital básico, psicoloxía deportiva, preparación para a competición, igualdade de xénero no deporte, e prevención dos riscos do abuso de alcol e outras substancias.
Cada unha das sesións terá aproximadamente unha duración de dúas horas e serán impartidas nunha aula do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (CGTD). Para acudir como público será necesario inscribirse a través do correo electrónico info@waterpolopontevedra.com.