O Waterpolo Pontevedra recupera sensacións vencendo con autoridade o CN Coruña
Por Redacción
Recupera a confianza o Waterpolo Pontevedra. Despois do tropezón que supuxo o seu empate en Vigo na primeira xornada da competición ligueira, o club pontevedrés deu un paso á fronte vencendo con autoridade no seu primeiro encontro como local, ante o CN Coruña.
Os pupilos de Javi de Sáa superaron ao seu rival por 11 goles a 6 nun encontro disputado na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Lonxe de afundirse polo fallo na xornada inicial, o Waterpolo Pontevedra saíu disposto a recuperarse e grazas á súa intensidade e traballo defensivo marcaron distancias xa no primeiro cuarto (3-0) e deixaron o choque case sentenciado ao descanso, ao que chegaron cun claro 7 a 1.
No tramo final, no que o técnico pontevedrés aproveitou para dar minutos aos menos habituais, mantivéronse as distancias para pechar un triunfo que devolve aos de Javi de Sáa á loita polas primeiras prazas da Primeira División Galega ao tratarse o CN Coruña dun rival directo.
A próxima xornada, prevista para o día 10 de novembro, enfrontará ao Pontevedra co CW Santiago.