Con nocturnidade e aleivosía Blázquez deixa a Pontevedra sen o España-Suíza de balonmán para darllo a León
Por Ramiro Espiño
Con nocturnidade e aleivosía, así deixou o novo presidente da Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez, a Pontevedra, arrebatándolle a designación como sede do España-Suíza que debía disputarse no Pavillón Municipal pontevedrés o próximo día 16 de xuño, para levárseo a León.
As malas sensacións e os temores de que o novo responsable? do balonmán español rompería o compromiso alcanzado co seu antecesor no cargo, Juan de Dios Román, cumpríronse, pero fixérono ademais dun xeito absolutamente censurable, polo fondo e pola forma. Os responsables deportivos pontevedreses xa se temían unha xogada sucia. As conversacións das últimas datas non invitaban precisamente o optimismo, pero o que non podían pensar era que se faltase tamén á máis elemental norma de educación e estilo, incumprindo mesmo a comunicación previa da decisión, antes de que se fixese pública.
De feito, ao longo da tarde do xoves mantivéronse diferentes conversacións con altos cargos da Federación Española de Balonmán, que insistían en que se trataba dunha decisión persoal do novo presidente, pero que aínda non estaba tomada e que, en canto fose firme se faría saber ao concelleiro de deportes de Pontevedra, Tino Fernández e ao director do IMD, Jaime Agulló.
Mentres isto sucedía, e lonxe de cumprir tal compromiso, dende a mesma Federación Española se estaba a comunicar á Europea o cambio de escenario do partido, sinalando León como sede do evento.
Así, polo menos ata as 22:00 do xoves, a web da EHF seguía indicando que o partido se celebraría en Pontevedra, pero a sorpresa e indignación chegou cando a primeira hora da mañá do venres, ao consultar a mesma web xa aparece León como escenario do partido.
Dada a festividade do día, polo momento non hai reacción oficial por parte dos responsables do deporte pontevedrés, aínda que fontes próximas aseguran que se estudarán as medidas a adoptar, entre as que non se descarta dende o inicio de accións xudiciais contra a Federación Española, ata a posibilidade de calquera compensación substitutoria, como podería ser designar a Pontevedra como sede da próxima edición do Torneo España, que tradicionalmente se disputa no mes de xaneiro, coa participación de catro seleccións nacionais.
Non debemos esquecer que, ademais do partido, estaba previsto e pactado que a Selección Española permanecese en Pontevedra por espazo dunha semana, tras xogar o seu partido ante Portugal, polo que o quebranto económico será aínda maior e repercutirá especialmente na Sociedade Deportiva Teucro, que esperaba recibir uns ingresos, como organizador do partido, dunha parte da publicidade (30%) ademais da recadación do despacho.
O certo é que as consecuencias do cambio de escenario e o feito de que a decisión fose tomada persoalmente por Francisco Blázquez, non respectando os pactos do seu antecesor, sentaron moi mal en todo o mundo do balonmán galego, que considera a manobra de Blázquez unha represalia á Federación Galega por apoiar nas recentes eleccións a candidatura encabezada por José Javier Hombrados. Sexa como sexa, mal inicio de mandato para un presidente ao que dende xa se lle mirará con lupa.
Relacionadas:
-
Un amigable de nivel ou o próximo partido oficial, compromiso de Blázquez para que España xogue en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Meaño e Pontevedra acollen este fin de semana senllos partidos da Selección Galega de balonmán contra Israel
Por Diego Espiño |
-
Agustín Fernández: "El presidente de la Federación Española de Balonmano no tiene palabra, actúa a capricho"
Por Diego Espiño |
-
Consúmase a 'traizón' a Pontevedra: A Federación de Balonmán vende a León o España-Suiza
Por Alejandro Espiño |
-
León quere arrebatar a Pontevedra o partido que a Selección Española de balonmán ía disputar no Municipal
Por Diego Espiño |
-
A Selección Española de balonmán xogará en Pontevedra o 16 de xuño ante Suíza
Por Redacción |