Un amigable de nivel ou o próximo partido oficial, compromiso de Blázquez para que España xogue en Pontevedra
Por Diego Espiño
O presidente da Federación Española de Balonmán comprometeuse a compensar os prexuízos ocasionados polo cambio de sede do España-Suíza do pasado mes de xuño, que finalmente se disputou en León, e asegurou na súa visita destes días a Pontevedra que a cidade de Lérez acollerá un encontro dos actuais campións do Mundo en 2014.
As propostas de Blázquez cara a Pontevedra abren dúas posibilidades principais, un encontro amigable ante unha selección de primeiro nivel ou o primeiro partido oficial que dispute España unha vez conclúa a súa participación no próximo Europeo.
A primeira das opcións é a que máis gusta a Teucro, que participaría da organización como axuda á súa maltreita economía, e Concello, sempre que frutifiquen as negociacións da Federación para realizar unha xira de tres partidos, un deles en España, ante unha das potencias mundiais deste deporte.
Segundo o presidente teucrista, Carlos García-Alén, Francia podería ser esa selección, o que supoñería un evento que "llamaría al público y también a la publicidad", asegura o dirixente.
No caso do choque oficial, a posibilidade de que o rival sexa un combinado nacional dun nivel inferior provoca dúbidas por parte lerezana.
O único problema podería xurdir coas datas, ao tratarse dun evento que se fixaría entre os meses de abril e xuño, ao querer o goberno municipal que non coincida co Campionato do Mundo de Dúatlon (31de maio e 1 de xuño) ou o Campionato de España Infantil (do 15 ao 21 de xuño).
Con todo dende o Concello de Pontevedra o seu concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, se mostrou encantado coa posibilidade e aberto a unha colaboración que podería desembocar tamén nun encontro da Selección Española Feminina ou un campionato con algún dos equipos nacionais de categorías inferiores.
Fernández, que protagonizara un duro enfrontamento co presidente federativo, declarouse satisfeito polo encontro mantido con motivo do partido de Copa do Rei entre Teucro e Granollers: "se dio cuenta de lo que había supuesto y vino en una actitud muy constructiva, hay que reconocérselo".
Relacionadas:
-
Pontevedra renuncia ao partido España-Austria de balonmán
Por Diego Espiño |
-
Austria será o rival da Selección Española de balonmán en Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Agustín Fernández: "El presidente de la Federación Española de Balonmano no tiene palabra, actúa a capricho"
Por Diego Espiño |
-
Con nocturnidade e aleivosía Blázquez deixa a Pontevedra sen o España-Suíza de balonmán para darllo a León
Por Ramiro Espiño |