Aarón González finaliza a súa xira en Estados Unidos con bo sabor de boca
Por Redacción
Foron 23 días de adestramento, pero que supuxeron unha gran experiencia para Aarón González.
O púxil marinense finalizou a súa xira estadounidense con bo sabor de boca, despois de compartir ring e facer de sparring de boxeadores profesionais de talla mundial.
O deportista do Team Thunder gozou de xornadas de adestramento técnico e táctico no prestixioso ximnasio Wildcard en Hollywood, na cidade de Los Ángeles, un establecemento rexentado por Freddie Roach, e chegou a disputar catro combates internacionais.
Ademais puido traballar co adestrador mexicano Juan Carlos "Panda" Martínez e desprazouse ata Las Vegas para compartir adestramento con boxeadores do equipo de Floyd Mayweather.
Tras esta experiencia positiva, Aarón González pensa xa no tramo final da tempada, sendo as súas próximas citas a partir de mediados de setembro o Torneo Internacional da Amizade de Barcelona e as semifinais do Torneo WBC José Sulaiman de Madrid, ademais de varias veladas de rodaxe que xa ten pechadas por toda a xeografía española.