O Mapfre, rumbo á súa base en Sanxenxo
Por Redacción
Tras o seu éxito na Volvo Ocean Race, na que quedou segundo, o VO65 español xa puxo rumbo de volta á súa base de Sanxenxo, onde se espera que cheguen entre a tarde deste próximo xoves 5 de xullo e a mañá do venres, en función das condicións do tempo.
Despois de percorrer máis de 45.000 millas ao redor do mundo e lograr a mellor posición para España na volta ao mundo a vela con escalas, o Mapfre partiu desde o porto da Haia (Holanda).
"Temos un bo parte para tentar chegar a Sanxenxo en catro ou cinco días", comezaba explicando o proa cántabro Ñeti Cuervas- Mons.
Unha vez alí, explicou, "baleiraremos o barco por completo, revisarase a fondo e comezaremos cos corporate sailing -xornadas de navegación- con Mapfre", antes de partir cara a Mallorca para estar na Copa do Rei.