Támara Echegoyen fai historia co equipo español, segundo na Volvo Ocean Race
Por Alejandro Espiño
Tras máis de 45.000 millas (83.000 quilómetros) de navegación ao redor de todo o mundo, a Volvo Ocean Race chegou á súa fin. E aínda que o equipo español non logrou a vitoria si fixo historia. Cruzou a liña de meta en segunda posición, o que supón o mellor resultado xamais logrado nesta competición.
O equipo español Mapfre chegou á Haia (Holanda) tras os 3 días, 3 horas, 39 minutos e 25 segundos que empregou na última etapa desta volta ao mundo con escalas, que iniciaran no porto de Gotemburgo (Suecia).
A vitoria foi para o barco chinés Dongfeng Race Team, que acumulou un total de 72 puntos ao vencer na undécima e última etapa, por 70 dos españois. A terceira praza foi para os holandeses Team Brunel, que acabou con 69 puntos.
Ao remate da volta ao mundo, o patrón do barco español, Xabi Martínez, recoñeceu que "se nos caeu o mundo encima" cando viron que o Dongfeng adiantáralles. Aínda así, destacou que o traballo dun equipo que "é o mellor que temos". Así, lembrou que "chegamos os mesmos que saímos de Alacante e iso ten un valor importante".
Pola súa banda, a pontevedresa Támara Echegoyen explicou que "estamos moi contentos" coa competición que fixeron, pero "estabamos preparados para gañala" polo que quedar segundos "foi un pouco doloroso". Visiblemente emocionada, sinalou que os chineses do Dongfeng "fixeron un gran traballo e meréceno".
A súa experiencia na Volvo Ocean Race foi "moi dura" pola duración da regata e as condicións ás que se enfrontaron, pero afirmou que "para min foi incrible", xa que "aprendín moitas cousas e creo que agora son mellor regatista". Agora, engadiu, é "momento de descansar e gozar".
An emotional @TEchegoyen speaks honestly following @desafioMAPFRE overall second place #VolvoOceanRace pic.twitter.com/H0I622f4eo
— Volvo Ocean Race (@volvooceanrace) 24 de junio de 2018
Termina así unha aventura que comezaba en Alacante o pasado 22 de outubro. A frota de VO65 (barcos iguais de 20 metros de eslora) completou un total de 11 etapas pasando polos cinco continentes e recalando en 12 países: España, Portugal, Sudáfrica, Australia, Hong Kong, China, Nova Zelandia, Brasil, Estados Unidos, Reino Unido, Suecia e Holanda.
A pesar de non poder materializar a vitoria final, o barco español foi cun total de tres etapas (a segunda, terceira e oitava) o equipo que máis etapas gañou nesta edición, as mesmas que o Brunel, e o que liderou a frota durante máis tempo.
Con este resultado, o Mapfre -que tivo en Sanxenxo a súa base de operacións- consegue o mellor resultado de España na competición ata a data. O Licor 43 de Joaquín Coello foi en 1981 o primeiro equipo español en competir na volta ao mundo.
Desde entón, hai xa 37 anos, un total de 10 barcos do noso país tentaron lograr o prezado trofeo, sendo ata hoxe o Galicia Pescanova -en 1993- e o Telefónica Azul -en 2009- os que mellor resultado conseguiran cun terceiro posto.
Relacionadas:
-
Támara Echegoyen pecha a súa participación no Mundial de vela no vixesimoterceiro posto
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen e Fernando Echávarri, a dar o primeiro paso cara a Tokyo 2020
Por Redacción |
-
O barco español da Volvo Ocean Race xa descansa en Sanxenxo
Por Redacción |
-
O Mapfre, rumbo á súa base en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen, a só un paso de facer historia na Volvo Ocean Race
Por Redacción |
-
O Mapfre de Támara Echegoyen chega líder á última etapa da Volvo Ocean Race
Por Redacción |