O barco español da Volvo Ocean Race xa descansa en Sanxenxo
Por Redacción
A media tarde deste xoves chegaba a Sanxenxo o barco español que, hai apenas unha semana, concluía a súa participación na Volvo Ocean Race cun histórico segundo posto.
Algo menos de catro días tardou o Mapfre en chegar a Sanxenxo desde que o pasado domingo partise da Haia (Holanda) rumbo de volta a casa.
Amigos e afeccionados saíron a recibilos á súa chegada á ría de Pontevedra e nos pantaláns do Real Club Náutico de Sanxenxo.
"A verdade é que estamos moi contentos de estar outra vez na nosa casa, en Sanxenxo", explicou o cántabro Ñeti Cuervas-Mons á súa chegada aos pantaláns do Real Club Náutico de Sanxenxo.
"Tivemos un recibimento moi bonito despois dun ano de moitas emocións. Non tivemos o resultado que nos gustaría, pero estamos satisfeitos do traballo que fixemos", engadiu.
Agora, o VO65 español permanecerá varios días na localidade pontevedresa, onde comezará coas xornadas de navegación con invitados antes de poñer rumbo a Palma para estar presente na Copa do Rei.