Poio Pescamar arranca con empate no Nacional Infantil Feminino
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Comezou este xoves nos Pavillóns da Seca en Poio e Municipal en Pontevedra, o campionato de España infantil feminino de fútbol sala, no que compiten unhas 80 novas promesas deste deporte coa ilusión de alzar o título de mellor equipo de España.
Na primeira xornada, o Poio Pescamar, organizador do torneo xunto co Concello de Poio, non puido pasar do empate (2-2) no seu debut ante o Ciudad de Nara, nun partido moi disputado e con alternativas no marcador, no que as locais foron superiores, pero as castelán-manchegas tiveron a máxima eficacia nas ocasións de que dispuxeron.
No outro partido do Grupo A, que ten como escenario A Seca, o CFS Femenino San Fernando venceu pola mínima (2-1) ao Palau Solitá Plegamans 2007.
Pola súa banda, no Grupo B, no Pavillón Municipal de Pontevedra houbo senllas goleadas con amplas vitorias de CD Vila de Benamejí (9-2) sobre o CD Cantera, e do Futsal Alcantarilla (7-3) sobre o Red Star's.
Este venres haberá xornada dobre para decidir os campións de cada grupo, que disputarán a final polo título na Seca, na mañá do sábado, ás 12:00 horas.
Todos os emparellamentos e horarios pódense consultar nesta ligazón.