San Fernando gaña un Nacional Infantil Feminino con pouca fortuna do Poio Pescamar
Por Ramiro Espiño
Non puido ser. A dobre xornada deste venres deixaba fóra da final a un Poio Pescamar que encaixou dúas derrotas no Campeonato de España Infantil Feminino de fútbol sala, disputado nos pavillóns da Seca en Poio e Municipal pontevedrés. As locais perdían pola mañá (4-3) ante o Palau catalán e pola tarde non conseguiron dar a sorpresa fronte a San Fernando, que lles gañaba (0-3) para meterse na gran final.
Deste xeito, as "rojillas" pechaban a súa participación no campionato que organizou con notable éxito o seu club, co terceiro posto no seu grupo, cun só punto, sendo San Fernando e Futsal Alcantarilla, os respectivos campións de grupo, os que se enfrontaban na final disputada na Seca na mañá deste sábado, ao gañar ambos os tres partidos que disputaron.
Nesa final as murcianas adiantáronse con dous goles en pouco máis dun minuto, para poñerse 0-2 aos 9 minutos de partido, pero o cadro madrileño demostróu o seu poderío para protagonizar unha gran remontada, empatando con dous goles en escasos segundos, aos 11 minutos e retirarse ao descanso co marcador igualado.
Na segunda parte, aos 6 minutos San Fernando completaba a remontada co terceiro tanto, para facer o definitivo 4-2 no minuto 12, que lles daría o título nacional.