Prata para Jonatas Pereira no Nacional sub18 de atletismo
Por Redacción
O atletismo segue brindando numerosas alegrías ao municipio de Cuntis. Un dos atletas do equipo local, Jonatas Pereira, obtivo a medalla de prata en xavelina no campionato de España sub18 de atletismo que se disputou esta fin de semana no complexo deportivo das Mestas (Xixón).
Pereira, arousano de nacimento, fíxose coa segunda praza nesta proba de lanzamento grazas aos 61.39 metros que obtivo no seu quinto intento. O ouro foi para o catalán Arnau Ribe (UA Terrassa), que fixo voar a súa xavelina ata os 63.28 metros nada máis empezar o seu concurso.
Pola súa banda, a Sociedad Gimnástica de Pontevedra desprazou sete atletas a este campionato nacional.
Un dos mellores resultados foi o logrado por Raúl Cortizo en salto de lonxitude. Bateu a súa marca persoal e cun salto de 6.72 metros, logrado no seu último intento, foi sexto. Quedou a quince centímetros da medalla de bronce.
O seu compañeiro Marco Martínez foi décimo tras un mellor salto de 6.56 metros. Ese mesmo posto logrou no seu segundo concurso nestes campionatos, no triplo salto, onde logrou unha marca de 13.70 metros.
Peor lle foi a Raúl Cortizo en altura, onde chegaba cunha marca persoal de 1.92 metros -a sétima mellor de todos os participantes-. Non superou o listón en 1.85 e, cun mellor salto de 1.80 metros, foi décimo sexto na final.
En categoría feminina, Paula de la Torre logrou coarse na final dos 800 metros e cun tempo de 2:20.72 terminou en sétima posición. En semifinais correra mesmo máis rápido, cunha mellor marca de 2:17.93. Pola contra, a súa compañeira Blanca Armenteros foi quinta na súa semifinal e quedou fóra da loita polas medallas.
Cristina Garrido, que foi a primeira en participar, tampouco non puido disputar a final dos 100 metros lisos. Caeu en semifinais ao ser cuarta na súa carreira cun tempo de 12.39 segundos.
A participación da Gimnástica neste campionato completouse co décimo quinto posto de María Jiménez en lanzamento de disco, cunha marca de 31.68 metros; e coa decimosegunda posición de Iria Filgueira en martelo, cunha marca de 47.21 metros.