Antía Chamosa, Andrea González e Raquel Meaños, subcampioas de España sub20
Por Redacción
Antía Chamosa volveu a demostrar que, sen dúbida, é unha das deportistas con maior proxección dentro do atletismo español. O seu último éxito deportivo chegou no campionato de España sub20 que esta fin de semana celebrouse en Murcia.
A atleta natural de Cuntis, actualmente nas filas do Club Atletismo Valladolid, colgou a medalla de prata na proba de 10 quilómetros marcha.
Entrou en segunda posición na liña de meta, situada no interior do estadio municipal Monte Romero, tras completar a proba cun tempo de 50:55.41. A gañadora, Marina Pena (Image FDR) foi 25 segundos máis rápida que ela.
Antía Chamosa, que o pasado mes de maio, foi a española mellor clasificada (duodécima) no Mundial júnior de marcha por equipos celebrado en cidade chinesa de Taicang, terá un gran reto o 14 de xullo. Competirá no Campionato do Mundo sub-20 de Finlandia.
Non foi a única medalla para a representación pontevedresa nestes campionatos. Andrea González, lanzadora da Sociedad Gimnástica, logrou a prata en xavelina.
Era unha das grandes favoritas grazas aos bos resultados que conseguira nos últimos meses e, finalmente, foi segunda cun mellor lanzamento de 43.94 metros, logrado no seu quinto intento. quedou lonxe da súa marca persoal, fixada en 45.59 metros.
O ouro foi para Sylvia Mathilde Corre (AD Marathon) que fixo voar a xavelina ata os 45.87 metros. Nesta mesma proba, outra atleta da Gimnástica, Claudia Puig, foi oitava cunha marca de 36.79 metros.
Claudia Puig competiu, ademais, na proba de lanzamento de disco. Nela rozou as medallas tras acabar cuarta con 35.57 metros. Ía segunda antes do último lanzamento pero viuse superada por Farhida Casillas e Lorena Echevarría, que superaron os 37 metros. O triunfo foi incontestable para Inés Álvarez con 40.24 metros.
E prata logrou tamén a vilagarciá Raquel Meaños na proba de 800 metros. A atleta, nas filas do Valencia Esports, foi segunda nunha emocionante carreira que se decidiu por milésimas de segundo. Fixo falta a photo finish para coroar á campioa que, finalmente, foi Lucía Cantón (At. Gijones Fumeru). Ambas pararon o crono en 2:12.54.
A participación pontevedresa concluíu cunha segunda proba, a do lanzamento de peso, para Andrea González. A atleta da Gimnástica foi oitava con 11.34 metros.
Ademais, a súa compañeira de equipo Lucía Ferrer foi quinta na final de 100 metros valas cunha marca de 15.20 segundos. En 100 metros lisos, pola súa banda, caeu en semifinais ao ser sétima da súa serie.
Relacionadas:
-
Catorce medallas para a Gimnástica nun "accidentado" campionato galego de atletismo
Por Redacción |
-
Prata para Jonatas Pereira no Nacional sub18 de atletismo
Por Redacción |
-
Os equipos da Gimnástica manteñen a categoría
Por Redacción |
-
Antía Chamosa brilla no Mundial de marcha atlética
Por Redacción |