O Waterpolo Pontevedra despide a tempada autonómica organizando o Campionato Galego Cadete
Por Redacción
A piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva será escenario o sábado 23 de xuño do último dos campionatos autonómicos de waterpolo da tempada, o da categoría cadete.
Será o sétimo campionato galego que acolle o Club Waterpolo Pontevedra este curso dos 12 que organiza a Federación Galega de Natación.
Na cita participarán, ademais do club local cos seus equipos A e B, o RCN Vigo, Marina Ferrol, CW Santiago e Natación Coruña, formándose dous grupos nunha fase inicial con tres equipos cada un. O campión de cada grupo accederá directamente á final.
A actividade na piscina do CGTD dará comezo ás 10:30 horas do sábado, estando fixada a final ás 19:00 horas.
Tras esta competición pecharase o calendario autonómico, pero non así o nacional, xa que ao longo do verán o Wateporlo Pontevedra estará presente en catro campionatos de España (infantil, cadete masculino e feminino e xuvenil masculino).