Os alevíns do Atlético Cuntis dan a sorpresa e acceden á fase final da Arousa Fútbol 7
Por Redacción
O Atlético Cuntis protagonizou a gran sorpresa da fase previa da Arousa Fútbol 7 disputada durante a Semana Santa en Vilagarcía.
Os alevíns do club aurinegro gañaron o dereito para medirse o próximo mes de xuño (15 a 17) a algunhas das mellores canteiras do fútbol nacional e internacional ao conseguir unha das prazas en xogo para disputar a fase final.
O Cuntis eliminou a algúns dos grandes favoritos da previa, superando na final ao Santiago de Compostela A, con quen caera goleado (4-0) na fase de grupos. Con todo na final foi outra historia e Sergio Vila conseguiu empatar un encontro que se puxo en contra para forzar os penaltis e lograr alí unha clasificación épica.
Antes desfixéronse tamén do AFB Lanzarote, que chegaba co cartel de favorito á previa.
Outra das prazas en xogo para a fase final da Arousa Fútbol 7 foi para o equipo Calasanz A, que superou na final do seu cuadrante á EF Concello de Boiro.