A padexeira pontevedresa Antía Otero, a un paso dos Xogos Olímpicos da Mocidade
Por Diego Espiño
Os Xogos Olímpicos da Mocidade de Bos Aires 2018 asoman no horizonte para unha piragüista pontevedresa, Antía Otero, que gañou o dereito para buscar a clasificación para a competición que organizará por terceira vez o Comité Olímpico Internacional.
A padexeira da Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra superou o selectivo estatal celebrado no Canal Olímpic de Catalunya, en Castelldefels, para configurar a selección española que participará nas clasificatorias de piragüismo dos Xogos Olímpicos da Mocidade.
Antía entrou na lista de oito deportistas, dos 66 presentes na preselección nacional, que pelexarán por unha das 58 prazas (29 mulleres e 29 homes) que se poñerán en xogo na fase clasificatoria mundial, a disputar tamén en Castelldefels do 12 ao 15 de abril con presenza de piragüistas de 60 países.
O formato da competición de piragüismo nos Xogos Olímpicos da Mocidade é completamente diferente a calquera outra competición da Federación Internacional de Piragüismo, xa que o cronómetro non é determinante e a competencia realízase en forma de confrontación entre dúas embarcacións. Así se compite na modalidade 'head to head sprint' ou slalon, no que é necesario sortear unhas aboias no circuíto cunha saída situada nunha plataforma a dous metros de altura.
Ademais de Antía Otero, que compite na modalidade de C-1 sprint, disputarán o clasificatorio mundial os galegos Yoel Becerra (Náutico de Cangas) e Roxana Bernárdez (Club Tea Mondariz).
Relacionadas:
-
Antía Otero, ilusionada e "un poco nerviosa" ante o reto dos Xogos Olímpicos da Mocidade
Por Diego Espiño |
-
A piragüista pontevedresa Antía Otero, clasificada para os Xogos Olímpicos da Mocidade
Por Redacción |
-
O piragüismo pontevedrés exhibe o seu poderío no Campionato de España de Inverno
Por Redacción |
-
O piragüismo pontevedrés arranca a tempada con éxito no campionato galego de inverno
Por Redacción |