O piragüismo pontevedrés arranca a tempada con éxito no campionato galego de inverno
Por Redacción
Comeza a tempada de piragüismo. O encoro de Castrelo do Miño acolleu esta fin de semana o Campionato Galego de Inverno, no que os padeeiros pontevedreses obtiveron un gran resultado, encabezado por Diego Romero (Breogan do Grove), que logrou o seu cuarto título consecutivo na proba de C-1 senior.
A competición disputouse sobre unha distancia de cinco mil metros para as categorías xuvenil, senior e veterano. Nela, os favoritos para a vitoria cumpriron os prognósticos a dúas semanas do campionato nacional de Sevilla.
Diego Romero, en C-1 senior, levou a vitoria por diante dos canoistas do Kayak Tudense Manuel Garrido e Daniel Durán. En muller senior, a medalla de ouro foi para Angie Cardona do Fluvial de Lugo. En segunda posición cruzou a liña de meta Jenifer Casal do EP Cidade de Pontevedra e o terceiro posto foi para Carla Sieiro do Piragüismo Poio.
Polo que respecta ao kaiak senior en mulleres, Tania Fernández do Kayak Tudense e Tania Álvarez do Breogán, xunto coa padeeira do club As Torres Raquel Dacosta, disputaron un bonito sprint, no que levou a vitoria a padeeira tudense. Pola contra en homes, Rubén Millán (Kakak Tudense) impúxose aos seus compañeiros Emilio Llamedo e Pedro Vázquez.
Na categoría xuvenil, os distintos vencedores foron Iván Fernández (Ría de Betanzos), seguido polo seu compañeiro de equipo Kevin García e de Martiño Beloso (Naval de Pontevedra) en kaiak; mentres que Manuel Fontán (Náutico O Muiño) logrou gañar na modalidade de canoa por diante de Mario Rey (Náutico Firrete) e Jaime Duro (E. P. Cidade de Pontevedra).
Pola súa banda, Carla Frieiro (As Torres) venceu en muller kaiak, por diante de Raquel Torres (Piragüismo Verducido) e Lara Feijoo (Kaiak Tudense). Na modalidade de canoa feminina os tres primeiros postos foron para María Pérez (Náutico Ribadumia), seguida de María de la Peña e Antía Otero ambas as integrantes do E. P. Cidade de Pontevedra.
Ademais, nos distintos grupos de idade houbo dous gañadores de Pontevedra: Francisco Maquieira (Ría de Pontevedra) en kaiak categoría 50-54 e Juan Vieites (E. P. Cidade de Pontevedra) en canoa categoría 35-39.