O Cisne acumula erros e "regala" o partido a Alarcos (23-24)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Hai partidos que se perden porque o contrario é superior e outros que terminan con derrota como consecuencia dos propios erros máis que dos méritos do rival. Este foi o caso do que disputaron Cisne e Alarcos no CGTD. Os pontevedreses empeñáronse en non gañar un partido que tiñan claramente ao seu favor e acumularon tal cantidade de erros que a derrota foi a consecuencia lóxica dos seus pecados deportivos.
Perder por un só gol de diferenza pode ser froito dunha chea de circunstancias. Todas xuntas ou algunha delas pode levarche á derrota, pero neste caso foron unha acumulación de feitos que deixan aos de Jabato en terra de ninguén precisamente fronte a un rival directo que ata a data non coñecía a vitoria lonxe da súa pista.
Mala defensa, salvada en parte pola sensacional actuación, aínda que insuficiente, dun soberbio Pablo Galán, excesivas perdas de balón en ataque en momentos transcendentais, "atasco" case absoluto nas accións ofensivas nunha nefasta segunda parte na que só se conseguiron oito goles, pero especialmente as xa habituais lagoas de xogo, nesta ocasión concentradas en tres fases, que levaron ao Cisne para conseguir unicamente dous goles nos máis de 25 minutos acumulados neses tres instantes decisivos.
Porque os brancos non anotaron nin un só gol en máis de seis minutos e medio do primeiro tempo, tras canalizar con relativa facilidade o partido. Logo sumaron outra seca de case nove minutos sen marcar ao comezo do segundo. E na recta final, tras poñerse tres arriba a falta de 10 minutos (21-18) con varias opcións erradas para ampliar vantaxe, unicamente lograron dous goles, encaixando un parcial de 2-6 para terminar "regalando" un partido que tiñan gañado a un Alarcos cuxo mérito estivo en ser máis regular e cometer menos erros que os locais.
O Cisne levou a iniciativa practicamente durante todo o partido, con esporádicos achegamentos dos visitantes que como moito lograban empatar. Certo é que a vantaxe pontevedresa nunca pasou dos tres goles cos que se chegou ao descanso (15-12).
Aí chegou o segundo desfalecemento dos brancos, que tardaron case nove minutos en facer o seu primeiro gol da segunda parte, tras o empate visitante (15-15). O Cisne non estaba a xogar ben. A medida que pasaban os minutos, o seu ataque era cada vez máis espeso. Aínda así, as paradas de Pablo Galán relanzaron aos seus que volveron respirar cun gol de Andrés Sánchez e dous de Pablo Picallo, para recuperar vantaxe (21-18).
Quedaban só 10 minutos, pero foron un esperpento. Con varias opcións para irse de catro, o Cisne perdía o balón sen chegar a lanzar e Alarcos, á contra, lograba empatar por medio de Lumbreras (23-23). Quedaban dous minutos, Había que xogar con criterio pero non se fixo. Dani Ramos perde o balón nunha acción clara en seis metros e Manu Díaz adianta aos seus para darlles o triunfo (23-24). Aínda que restaban 40 segundos, o Cisne insistiu en facerse o "hara-kiri" e volveu sufrir unha nova perda de balón en ataque, sen chegar a lanzar, que permitía unha vitoria celebrada polos forasteiros con euforia.
CISNE (23): Pablo Galán; Ígor Tenorio, Pablo Picallo (4), Andrés Sánchez (8), Miguel Simón, Alejandro Pombo (4), Pablo Gayoso (1) -sete inicial-, Juanjo Novás (p.s.); Linhares, Alberto Casares (2, 1 de penalti), Javi Vázquez (1), Carlos Pombo (1), Dani Tolmos, Dani Ramos (2), Alejandro Conde e Álvaro Preciados.
ALARCOS CIUDAD REAL (24): De La Cruz; César Beret (2), Lumbreras (3), Portero (1), Manu Díaz (3), Molina (3, 1 de penalti), Negrete (7) -sete inicial-, Revuelta (p.s.); Póveda (1), Serrano (2), Vidal, Candeleda (1), Maestre, Victoriano Alises, Giménez (1) e Arreaza.
Árbitros: Alfredo Arcos Adeva e Óscar García Camiño (Madrid). Excluíron dous minutos a Ígor Tenorio, no Cisne, e a César Beret, Portero e Manu Díaz (2), no Alarcos.
Marcador (cada cinco minutos): 3-2, 7-5, 7-6, 11-9, 14-11, 15-12 (descanso), 15-14, 16-16, 19-17, 21-18, 22-21 e 23-24 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 200 espectadores.
Relacionadas:
-
Los Dólmenes Antequera aproveita os erros do Cisne noutro final con suspense (29-30)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Cisne afunde ao final e cae na súa visita ao Barcelona B (29-23)
Por Redacción |
-
Discreto partido con derrota do Cisne en Bordils (30-26)
Por Redacción |
-
Amenabar Zarautz frea a marcha do Cisne nun intenso partido (31-27)
Por Redacción |