O Cisne afunde ao final e cae na súa visita ao Barcelona B (29-23)
Por Redacción
Cuarta derrota consecutiva dun Cisne que practicamente di adios a calquera opción de coarse en postos de play-off ao caer na Ciutat Esportiva Joan Gamper, ante un Barcelona B que soubo defender unha curta renda durante todo o partido, para terminar sentenciando ao equipo pontevedrés nuns cinco minutos nos que borraron aos de Jabato da pista.
A pesar de que por segunda xornada desde a súa marcha por estudos o Cisne contou co "reforzo" de Álex Chan, os galegos foron case sempre a remolque no marcador e non lograron impoñer o ritmo que lles conviña, nin frear á tripleta formada por Joan Amigó, Víctor Tremps e Pere Vaquer, autores de 19 dos 29 goles do filial blaugrana.
Desde os primeiros minutos o Barcelona púxose por diante, logrando en pouco máis de seis minutos unha máxima renda de tres goles (5-2), que o Cisne unicamente foi capaz de neutralizar cun parcial de 0-4 para lograr a súa única vantaxe en todo o partido (5-6) superado o minuto 10 de xogo.
A partir de aí o Barcelona soubo facer valer a súa condición de local, con vantaxes que chegaron a un máximo de catro goles (14-10) a falta de cinco minutos para o descanso, ao que se chegou con superioridade local (14-12), aínda que todo por decidir.
O Cisne tentouno na segunda parte, pero o máximo que conseguiu foi poñerse a un só gol por baixo en varias ocasións e cada vez que o lograba, os azulgranas respondían abrindo novamente a pequena pero importante brecha de tres goles.
Así se chegou aos últimos seis minutos con mínima vantaxe dos cataláns (23-22), momento en que o Barcelona acelerou para sentenciar cun parcial favorable de 5-0 que nin sequera un tempo morto solicitado por Jabato puido cortar e os azulgrana terminaron gañando con autoridade (29-23).
Consulta as estatísticas do partido entre Barcelona B e Cisne na web da Real Federación Española de Balonmán.
Relacionadas:
-
O Cisne endereita o rumbo remontando e vencendo en Lanzarote (23-25)
Por Redacción |
-
Los Dólmenes Antequera aproveita os erros do Cisne noutro final con suspense (29-30)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Cisne acumula erros e "regala" o partido a Alarcos (23-24)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Discreto partido con derrota do Cisne en Bordils (30-26)
Por Redacción |
-
Amenabar Zarautz frea a marcha do Cisne nun intenso partido (31-27)
Por Redacción |