Segue en horas baixas o Poio Pescamar cedendo tamén en Murcia (4-3)
Por Redacción
Segue sen reaccionar o Poio Pescamar, que pecha a primeira volta cunha nova derrota, esta vez na súa visita ao UCAM El Pozo Murcia, que fai ascender a seis o número de xornadas consecutivas sen gañar, baixando ás de Marcio Santos á sétima posición da táboa, cos mesmos puntos que as murcianas, que son oitavas.
As "rojillas" tiveron o partido nas súas mans, pero deixáronse remontar nos minutos finais, acusando a maior profundidade de plantel do conxunto local, que chegou máis fresco a eses instantes decisivos.
Alternativas no xogo e no marcador. O partido comezou dominándoo a UCAM pero sen traducir ese dominio en goles ata que aos dez minutos Cristina á saída dun saque de banda botado por Mari conseguía desde o bordo da área o 1-0. Catro minutos máis tarde, Toñi desde a frontal a pase de Sara ampliaba a renda local. O Poio Pescamar tratou de reaccionar antes do descanso, pero a UCAM soubo defender a súa renda.
Na continuación, o conxunto pontevedrés fíxose co control, impoñendo maior intensidade no seu xogo. Froito diso, en dous minutos igualaban o marcador con tantos de Jenny de tiro cruzado tras saque de banda e de Hinako en propia porta no seu intento de despexar un remate de Ale de Paz.
As visitantes rubricaban a remontada cun gol de Ceci, a cinco minutos da conclusión, tras desviar coa cabeza un disparo de Iria Saeta, pero pouco duroulle a alegría, xa que tan só uns segundos despois, a xaponesa Hinako de disparo cruzado a pase de Mari volvía equilibrar o choque.
No tramo final, cun Poio acusando o esforzo físico, chegaba o definitivo 4-3, obra de Rocío ao bater por baixo a Silvia a pase de Mari. O Poio buscou a igualada nos últimos compases pero sen acerto para conseguir sumar polo menos un punto.
UCAM EL POZO MURCIA (4): Sonia; Gloria, Mari, Hinako e Rocío (quinteto inicial). Tamén xogaron, Sara Santos, Lola, Sara, Cristina, Toñi e Cristina García (segunda porteira).
POIO PESCAMAR (3): Silvia; Carolina, Ceci, Jenny, Ale de Paz e Iria (quinteto inicial). Tamén xogaron, Yolanda e Patri Corral.
Árbitros: Arbos Pedreño e González Blaya (Murcia). Amoestaron á xogadora local Mari.
Goles: (1-0) Minuto 10: Cristina. (2-0) Minuto 14: Toñi. (2-1) Minuto 26: Jenny. (2-2) Minuto 28: Hinako (en propia porta). (2-3) Minuto 35: Ceci. (3-3) Minuto 35: Hinako. (4-3) Minuto 37: Rocío.
Incidencias: Pavillón José María Cagigal (Murcia). Uns 200 espectadores.
Relacionadas:
-
O Cidade das Burgas, rival do Poio Pescamar en liga e na fase final da Copa Xunta
Por Redacción |
-
Poio Pescamar repite proeza e volve gañar a domicilio o líder Atlético Navalcarnero (2-3)
Por Redacción |
-
A segunda volta arranca para o Poio Pescamar con reforzo e visita ao líder
Por Redacción |
-
Universidad de Alicante convértese na particular "besta negra" do Poio Pescamar (1-3)
Por Redacción |
-
Un rival "moi difícil" para o Poio Pescamar na súa volta á competición
Por Redacción |
-
Xa se coñecen os candidatos aos premios de deporte Poio Móvese
Por Redacción |