Xa se coñecen os candidatos aos premios de deporte Poio Móvese
Por Redacción
Os premios de deporte Poio Móvese, que o goberno municipal de Poio concederá o próximo 3 de febreiro nunha gala que se celebrará no centro cultural Xaime Illa de Raxó, xa teñen candidatos de xeito oficial.
Unha xuntanza do Consello Municipal de Deportes acordou aprobar varias propostas que, a partir de agora, serán avaliadas polo xurado dos premios.
O único que xa ten destinatario é o Premio Especial, que os membros do consello decidiron conceder á asociación de veciños de Lourido pola exitosa organización dos Xogos de Verán celebrados no ámbito da praia que hai na zona.
Na categoría masculina, os candidatos son o fisioculturista Iván Silva Tarela e o atleta Rafael Fuentes; mentres que entre as mulleres, o premio estará entre Noemí Luz Blas Prieto, presidenta da Escudería Buxa Motor; Lorena Nieto Pérez e Eva Torres Domínguez, padeeiras do Club Kayak Polo Combarro, ou Carolina Agulla Fernández, xogadora do Poio Pescamar.
Con respecto ás entidades, optan ao premio a Asociación de Veciños de Lourido, o Poio Pescamar e a Escudería Buxa Motor.
Este evento ten como obxectivo principal recoñecer publicamente o esforzo, a dedicación, a entrega e todos os valores que o deporte comporta, como a superación, a educación, a convivencia, o fomento da igualdade, a innovación, o traballo e a implicación no tecido deportivo, a posta en valor do patrimonio e a recuperación da tradición no deporte.