O Céltiga dá a sorpresa no Barco mentres Ribadumia, Arosa e Villalonga caen
Por Redacción
A sorpresa da xornada chegaba en Calabagueiros onde o Céltiga derrotaba contra prognóstico ao Barco deixando aos ourensáns fóra dos postos de play off, aos que accede o Racing Villalbés, que derrotou na Magdalena ao Villalonga. O Arosa viu freada a súa escalada ao deixarse remotar en apenas un minuto nas Somozas, mentres o Ribadumia caía na Senra ante un Choco que encadea a súa quinta vitoria consecutiva.
Non puido o Ribadumia frear a meteórica ascensión do Choco que chegaba imparable e mantivo a súa liña superando aos aurinegros con dous goles no segundo tempo. Antes Cerqueiras tivo a máis clara para o Ribadumia, pero o seu remate atopouse co poste.
Logo chegarían os goles. O primeiro conseguíano os redondelanos aos 48 minutos, por medio de Félix. Puido empatar o Ribadumia nunha ocasión de Ramón no minuto 55, que se foi ao traveseiro, para que sentenciase Antón Escobar aos 64 minutos. Mesmo puido chegar o terceiro do Choco soamente tres minutos despois, pero Iván Parada evitouno detendo un penalti a Alberto Suárez.
Consulta o acta do partido Ribadumia-Choco nesta ligazón.
Fixo o Arosa o máis complicado no Alcalde Manuel Candocia para logo deixarse remontar polo Somozas encaixando dous goles en apenas un minuto. Os de Jorge Otero repuxéronse ao temperán gol local, conseguido por Uzal aos 11 minutos de xogo, empatando no 25 por medio de Iago Beceiro.
Na segunda parte, aos 51 minutos Sylla adiantaba aos arlequinados, pero case sen tempo para gozalo o Somozas empataba nun corner lanzado por Gerardo e rematado por Duque.
O tanto deixou tocado ao Arousa que case a continuación encaixaba o terceiro, obra de Uzal.
Buscou o empate o conxunto de Jorge Otero, que dispuxo de dúas boas oportunidades na recta final, pero Julio Rey rematou alto e Javi Pazos non puido superar ao meta Javi Seral.
Consulta o acta do partido Somozas-Arosa nesta ligazón.
Aguantou ben o Villalonga na Magdalena ata a recta final do partido, na que o Racing Villalbés impuxo a lóxica para quedar cos tres puntos.
Álex Pérez abriu a conta aproveitando un pase en profundidade de David Buyo (minuto 70) e Rubén facía o segundo cando o partido encaraba xa os seus minutos finais, ao rematar un gran servizo de Arón que lle deixou só diante de Marcos Bermúdez.
Consulta o acta do partido Racing Villalbés-Villalonga nesta ligazón.
Saltou a sorpresa en Calabagueiros onde o Céltiga sorprendeu ao Barco sacándoo dos postos de play-off. Os isleós fixeron un partido serio e práctico impoñéndose cun gol en cada tempo.
Uru abría a conta aos 34 minutos e Capi facía o segundo no minuto 67, para afastar ao Céltiga dos postos de compromiso.
Consulta o acta do partido Barco-Céltiga nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Gaña e respira o Ribadumia, empata o Arosa en Carballo e caen Villalonga e Céltiga
Por Redacción |
-
O Arosa golea ao Céltiga, o Ribadumia non pode co líder e o Villalonga entra en crise
Por Redacción |
-
Freada do Arosa, bo punto do Ribadumia e derrotas claras de Villalonga e Céltiga
Por Redacción |
-
O Arosa achégase ao play-off e salva unha xornada negra para Ribadumia, Villalonga e Céltiga
Por Redacción |
-
Arosa e Céltiga arrancan un valioso punto a domicilio fronte a Compostela e Cultural Areas
Por Redacción |
-
Un tempo para cada equipo e xusta repartición de puntos entre Ribadumia e Villalonga (1-1)
Por Redacción |