Gaña e respira o Ribadumia, empata o Arosa en Carballo e caen Villalonga e Céltiga
Por Redacción
Importante triunfo do Ribadumia na Senra á conta dun rival directo como o Laracha. Empate do Arosa na casa do líder Bergantiños e derrotas de Villalonga en San Pedro, ante o Compostela e Céltiga na súa visita ao Alondras, que agravan a situación de ambos.
Acariñou a sorpresa o Villalonga, que se adiantou pronto no marcador a un Compostela que suma a súa sétima xornada sen perder e sitúase líder, ao aproveitar o tropezo do Bergantiños e que logrou remontar en San Pedro con dous goles ao final do primeiro tempo e comezo do segundo.
Aos nove minutos un corner que lanzou Rocha rematouno de cabeza Javichu, inaugurando o marcador. Mesmo puido lograr pouco despois o segundo, pero Lucas rexeitou o remate de Hugo Pintos.
Os visitantes empataban case na última xogada antes do descanso grazas a un gol de Mou e daban a volta ao resultado aos 50 minutos, ao aproveitar Primo un erro defensivo para marcar de remate raso e cruzado.
Consulta o acta do partido Villalonga-Compostela nesta ligazón.
Asómase o Alondras á zona nobre da táboa ao golear a un Céltiga que aguantou no Morrazo durante a primeira parte, pero afundiuse na segunda, especialmente tras recibir o primeiro gol.
Os de Antonio facían saltar a defensa insular aos 66 minutos, nun centro de Pablo Salgueiro que rematou de cabeza no segundo pau Aitor Díaz.
A sentenza chegaba aos 73 minutos, como consecuencia dunha falta botada por Iván e rematada por Abel. E co Céltiga entregado, aos 81 minutos o Alondras facía o 3-0, tras un centro de Viñas que se lle escapa das mans a Manu Táboas, quedando nos pés de Gabri, que só tivo que empuxar.
Consulta o acta do partido Alondras-Céltiga nesta ligazón.
Había demasiado en xogo na Senra entre dous rivais directos como Ribadumia e Laracha e iso traduciuse nun partido de máis emoción e nervios que xogo. Os aurinegros ademais necesitaban volver gañar para romper a dinámica negativa na que entrara o equipo e para non ter que empezar a mirar cara abaixo con temor.
Con relativa igualdade de forzas pero iniciativa local, o Ribadumia buscou máis a vitoria e tivo premio cando a primeira parte tocaba ao seu fin, grazas a un tanto conseguido por Fran Fandiño.
O apertado do marcador non permitía respirar con tranquilidade á afección local, que nin sequera puido relaxarse cando Josiño marcaba o 2-0 aos 83 minutos, xa que case a continuación Javi Ballesteros marcaba para o Laracha. Quedaban seis minutos máis o desconto que foron agónicos, pero ao final os puntos quedaron na casa.
Consulta o acta do partido Ribadumia-Laracha nesta ligazón.
Nas Eiroas esperaba ao Arosa un Bergantiños líder e que presentaba un cartón de catro vitorias consecutivas, pero os de Jorge Otero frearon a firme marcha do equipo de Carballo, arrincando un punto despois de adiantarse no marcador.
Tras uns primeiros minutos sen ocasións, os locais puideron adiantarse aos 17 minutos, pero Roberto Pazos logrou rexeitar o remate de Rodri Alonso, dando comezo a unha tarde inspirada do porteiro vilagarcián.
O fútbol directo dos locais era contrarrestado polo Arosa con seriedade defensiva, ata que aos 38 minutos Primo aproveita un erro da defensa local para adiantar aos visitantes cun disparo raso e cruzado.
Na segunda parte o Bergantiños seguiu insistindo co seu fútbol directo dispoñendo de dúas boas ocasións nas botas de Rodri e Rivera, que non acertou a materializar. Despois o colexiado anularía un gol a Javi Pazos por un fóra de xogo, protestado polos visitantes, como protestado sería o penalti cometido tamén sobre Rodri, aos 80 minutos, que sería transformado por Iago López no tanto do empate definitivo.
Consulta o acta do partido Bergantiños-Arosa nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Cara para Ribadumia e Arosa, cruz para Villalonga e empate de Céltiga na xornada de Terceira División
Por Redacción |
-
Empata o Arosa, importante triunfo do Céltiga e contundentes derrotas de Villalonga e Ribadumia
Por Redacción |
-
O Arosa golea ao Céltiga, o Ribadumia non pode co líder e o Villalonga entra en crise
Por Redacción |
-
Freada do Arosa, bo punto do Ribadumia e derrotas claras de Villalonga e Céltiga
Por Redacción |
-
O Céltiga dá a sorpresa no Barco mentres Ribadumia, Arosa e Villalonga caen
Por Redacción |