O Arosa achégase ao play-off e salva unha xornada negra para Ribadumia, Villalonga e Céltiga
Por Redacción
Sétima xornada consecutiva do Arosa sen coñecer a derrota (3 empates e 4 vitorias) para asomarse aos postos de play-off. Os de Jorge Otero remontan voo cun folgado triunfo sobre Cultural Areas e empezan a confirmar os seus obxectivos de inicio de tempada, nunha xornada negra para Ribadumia, Villalonga e Céltiga.
Pero o amplo do resultado non reflicte as dificultades que tiveron os arlequinados para impoñerse, tanto que mesmo Sergio Lloves foi clave ao deter un penalti á media hora de xogo, cando Yerai derrubou a Yelco. O propio Yelco lanzou, pero o meta local detivo o primeiro disparo e tamén tapou o segundo no rexeite, conseguindo que o marcador non se movese durante a primeira parte.
Sería na continuación cando o Arosa lograse impoñerse. Aos 58 minutos Sylla remataba de cabeza un centro de Manu Justo para abrir o marcador. Logo Jorge Otero daría entrada a Javi Pazos e o máximo goleador arlequinado sentenciaría o partido. Aos 71 minutos aproveitou un pase de Anxo para facer o segundo e dez minutos despois pechaba a conta co terceiro, nunha contra na que contou co apoio de Julio Rey.
Mesmo nos minutos finais puideron chegar máis goles, co Areas entregado, pero nin Sylla nin Anxo aproveitaron as ocasións que tiveron ante Sergio.
Consulta o acta do partido Arosa-Cultural Areas nesta ligazón.
Acariñaba o Céltiga un punto fronte a un dos favoritos da competición como o Somozas, cando un grave erro defensivo na recta final do partido custoulle a derrota.
Os coruñeses comezaron forte, mandando sobre o cesped do Salvador Otero e dispoñendo de claras ocasións que non acertaron a transformar, especialmente dous remates de Duque que terminaron estrelándose contra o traveseiro da meta insular.
Aínda por riba, o conxunto visitante tampouco acertaría a marcar desde o punto de penalti, ao fallar o lanzamento Gerardo, que mandou a pelota fóra.
Pero aos 81 minutos, nun lanzamento de esquina, a defensa branquivermella deixou absolutamente só a Silas, que non necesitou saltar para rematar de cabeza e facer o gol da vitoria visitante.
O Céltiga volveu mostrarse como un equipo ao que lle custa facer gol e crear ocasións ante a portería rival.
Consulta o acta do partido Céltiga-Somozas nesta ligazón.
Despois de sete xornadas caeu o Ribadumia. Fíxoo no Carballiño fronte a un Arenteiro que no seu campo é sempre un rival complicado para calquera, nun partido disputado e que só se resolveu moi ao final.
Pana adiantaba aos locais á media hora de xogo, pero o Ribadumia conseguía empatar ao pouco de comezar o segundo tempo por medio de Cheri.
O partido rompería en favor do conxunto local mercé a un penalti transformado por Dani Chimpín preto da hora de xogo. Daquela o Ribadumia buscaría desesperadamente neutralizar de novo a vantaxe ourensá, pero no desconto o Arenteiro sentenciaba cun terceiro gol, obra de Ígor Sevivas.
Consulta o acta do partido Arenteiro-Ribadumia nesta ligazón.
Grave tropezo do Villalonga en San Pedro fronte a un rival directo pola permanencia como o Laracha. Os celestes encaixaron catro goles que puideron ser máis de non ser pola boa actuación do seu porteiro Marcos, que foi o mellor do seu equipo.
As facilidades defensivas que deu o Villalonga decidiron moi pronto o partido ao lado visitante. Aos 15 minutos Suízo rematou de cabeza no primeiro pau, totalmente só, un corner, para abrir o marcador.
Puido empatar o Villalonga nun remate de cabeza de Javichu, que evitou Chema e só tres minutos máis tarde chegaba o segundo gol visitante, conseguido por Adrián, tras recibir na área un pase de Anxo para bater a Marcos (minuto 33).
Pero non terminou aí a cousa, xa que apenas dous minutos despois chegaba o 0-3 ao aproveitar Ballesteros un balón rexeitado por Marcos a disparo de David García.
Tentou reaccionar o Villalonga na segunda parte, pero nin Aarón, nin Javichu nin Padín acertaron e Adrián Castro, aos 74 minutos, pecharía a conta para os visitantes.
Consulta o acta do partido Villalonga-Laracha nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Freada do Arosa, bo punto do Ribadumia e derrotas claras de Villalonga e Céltiga
Por Redacción |
-
O Céltiga dá a sorpresa no Barco mentres Ribadumia, Arosa e Villalonga caen
Por Redacción |
-
Arosa e Céltiga arrancan un valioso punto a domicilio fronte a Compostela e Cultural Areas
Por Redacción |
-
Un tempo para cada equipo e xusta repartición de puntos entre Ribadumia e Villalonga (1-1)
Por Redacción |
-
Arosa e Ribadumia atopan o gol, o Villalonga frea ao líder e o Céltiga estrélase ante o Compostela
Por Redacción |