Dúas medallas para o GD Supermercados Froiz no Campionato Galego de Fondo
Por Redacción
As camisolas de campións de Galicia en liña cambian de propietarios tanto en Elite como en Sub-23 despois da carreira celebrada este venres na Estrada. Samuel Blanco (Club Ciclista Rías Baixas) fíxose co triunfo na categoría Sub-23 tras alcanzar a liña da meta xunto ao seu compañeiro Javier García. Por detrás deles estableceuse unha gran vixilancia entre os elites da que Vicente Alló (Código Atlántico) foi o principal beneficiado chegando primeiro da súa categoría.
A carreira disputada sobre 120 quilómetros rexistrou un completo dominio dos ciclistas Sub-23, que coparon os 15 primeiros postos, sendo Vicente Alló (Código Atlántico) o primeiro Elite, no posto 16 da xeral, que lle valeu para conquistar o campionato na súa categoría.
Non houbo un momento de tregua desde o bandeirazo inicial. O medio centenar de corredores que se concentraron na liña de saída tiñan que completar seis voltas a un circuíto de 20 quilómetros deseñado polo Club Ciclista Estradense, entidade organizadora de evento. A metade da primeira volta seis unidades abandonaron a disciplina do pelotón e iniciaron unha escapada da que finalmente sairía o gañador da carreira.
Samuel Blanco e Javier García (Club Ciclista Rías Baixas), Alejandro Lomba e Diego Somoza (Supermercados Froiz), Raúl González (Club Ciclista Vigués) e Miguel Montero (Cambre Renault Caeiro) abriron oco, chegando a conseguir tres minutos de vantaxe. No ecuador do percorrido Montero cedeu e Somoza comezou a pasar problemas, mentres por detrás formáronse varios grupos de perseguidores. Nun deles meteuse Alló xunto a máis sub-23 cando restaban 40 quilómetros para o final.
A vitoria na carreira estaba no grupo dianteiro, onde Blanco tentou marcharse en solitario. Antes de entrar na última volta, o Club Ciclista Rías Baixas sentenciou o triunfo ao conectar García con Blanco soltando de roda a Lomba, que acabaría terceiro, e aos outros dous fuxidos. Na liña de meta da Avenida de Galicia o dúo do conxunto do Val Miñor presentouse con algo máis de catro minutos e medio de vantaxe sobre o seu principal rival, o ciclista do Froiz, Alejandro Lomba.
Pola súa banda en elite, Alló conseguía o primeiro posto e no podio estivo escoltado por Sergio Míguez (Supermercados Froiz) e Aser Estévez (Club Ciclista Rías Baixas), que recibiron as súas distincións nun acto presidido por José López, alcalde da Estrada.
Consulta aquí a clasificación completa do Campionato Galego de Fondo.
Relacionadas:
-
Martín Bouzas, do Froiz, proclámase campión de España contrarreloxo Sub-23
Por Redacción |
-
Corredores do Super Froiz plantan cara a ciclistas profesionais en Portugal
Por Redacción |
-
Triplo compromiso para o GD Supermercados Froiz o fin de semana
Por Redacción |
-
César Neira achégase aos Xogos Paralímpicos tras lograr unha medalla de bronce na Copa do Mundo
Por Redacción |
-
Medina roza o triunfo na homenaxe a Evaristo Portela
Por Redacción |