Semana clave para o futuro da SD Teucro na Liga Asobal
Por Alejandro Espiño
A SD Teucro ten dúas importantes citas por diante nos próximos días para aclarar o seu futuro deportivo máis inmediato. Nelas, debaterase o posible descenso do Guadalajara por falta de pagamentos e, como consecuencia, a continuidade do club pontevedrés na liga Asobal a próxima tempada. Así o explicou este luns en rolda de prensa o presidente do club, Carlos García Alén, que compareceu acompañado polos membros da directiva.
Na asemblea de Asobal, que se celebrará o vindeiro xoves 16 de xuño en Barcelona, o Teucro defenderá a denuncia presentada contra o BM Guadalajara polo incumprimento das súas obrigacións económicas, ao non abonar a débeda de 12.100 euros correspondente á cota de participación na máxima categoría, unha cota que debería pagar antes do 31 de agosto de 2015.
Así, a entidade pontevedresa solicitará que se abra un expediente para que se adopten as medidas que, administrativa e deportivamente, corresponden e que segundo o Teucro pasaría polo descenso do club manchego á División de Honra Prata. Así, esixirán que se acheguen "fechas y plazos de pago" desa cota, ao entender que "consideramos, por todas las evidencias, que figura impagada a día de hoy".
Ademais, solicitarán que se anulen as sancións impostas a varios equipos por non instalar a pista azul para as retransmisións deportivas, xa que García Alén asegura que, segundo os estatutos, Asobal non ten capacidade sancionadora; así como pedirán o cesamento do secretario xeral da asociación, Ricard Hijós, por actuar "en perjuicio" dos clubs incumprindo a normativa aprobada.
A pesar de que o Teucro asegura que "no estamos solos porque hay otros clubes que nos apoyan" e que respaldan esta denuncia, a entidade pontevedresa non se fía do que poida decidir Asobal. Por iso, este luns trasladou á Federación Española de Balonmán esta denuncia contra o BM Guadalajara para que este asunto se traslade á comisión de seguimento do convenio con Asobal que se celebrará o vindeiro luns 20 de xuño.
Se nesta comisión non hai unanimidade sobre esta cuestión será o Consello Superior de Deportes (CSD) o que tome a decisión definitiva. Trátase do mesmo proceso que seguiu o Teucro o pasado verán, despois de que Asobal acordase o descenso dos teucristas e do BM Cangas, alegando unha suposta falta de pagamento. O CSD deu a razón aos dous clubs pontevedreses e ambos puideron competir en Asobal. Carlos García Alén espera que volva suceder de novo.
"En este caso, la directiva de Asobal ha mirado para otro lado y siguen sin actuar. Este tipo de actuaciones no pueden permitirse", sinala Carlos García Alén
"En este caso, la directiva de Asobal ha mirado para otro lado y siguen sin actuar. Este tipo de actuaciones no pueden permitirse. Es muy grave porque crea agravios comparativos entre los clubes. No están velando por los intereses de los 16 equipos sino de tan solo unos pocos. Creemos que es de justicia que se apliquen los estatutos y que se adopte la decisión que corresponda", sinalou o presidente teucrista.
ORIXE DO CONFLITO
O mandatario teucrista explicou que, aínda que a denuncia pola falta de pagamento do Guadalajara transcendeu á opinión pública o pasado 30 de maio, o club pontevedrés comprobou o 11 de abril, a través do acta da comisión delegada de Asobal celebrada o 3 marzo, que o conxunto manchego non abonara a cota obrigatoria de 12.100 euros. Segundo os propios estatutos de Asobal, isto levaría o descenso automático do club infractor.
Isto non se produciu, segundo García Alén, pola "inacción" da directiva de Asobal. Así, na asemblea celebrada o 7 de maio, o Teucro pediu a dimisión do presidente do colectivo, Adolfo Aragónes -vicepresidente do propio Guadalajara-, polo "trato de favor" recibido polo club manchego, ao non ser requirido o pago da débeda "por los órganos competentes", a pesar de ser un "grave incumplimiento" das obrigacións económicas dos clubs.
"Quisieron tapar el tema", apuntou o presidente, que lembra que desde o primeiro día o Teucro estivo "en el punto de mira" da directiva de Asobal porque, do mesmo xeito que o BM Cangas, "no comulgábamos con ruedas de molino" e apostaban pola desaparición de Asobal e que a competición pasase a ser organizada pola Federación, unha petición que volverán reiterar en próximas asembleas.
"Queremos que haya transparencia, que entre aire fresco en Asobal, que no haya oscurantismo en la toma de decisiones y que se tomen acuerdos en beneficios de todos y no de unos pocos. Si no, lo mejor es que Asobal desaparezca", reiterou o presidente teucrista.
En todo caso, aínda que confían nunha resolución favorable por parte da Federación Española de Balonmán e do CSD, Carlos García Alén sinalou que "llegaremos a los tribunais" se fai falta para defender os intereses do Teucro.
Relacionadas:
-
Experiencia para a portería do Teucro, que pecha a fichaxe de Lloria
Por Diego Espiño |
-
O central Borja Méndez, primeira fichaxe do Teucro para a próxima tempada
Por Alejandro Espiño |
-
O BM Guadalajara ameaza con denunciar o presidente do Teucro por pedir o seu descenso
Por Diego Espiño |
-
O Teucro agárrase á Asobal e esixirá o descenso do Guadalajara por unha débeda
Por Diego Espiño |