Tras coñecer a noticia, adiantada o pasado luns por PontevedraViva ePontevedraViva Radio, o Guadalajara fixo público un comunicado no que ameaza con emprender accións legais contra o presidente do Teucro, Carlos García-Alén "posto que facer pública, a propósito, unha información errónea, que podería xerar dúbidas de que o noso club vai continuar un ano máis en Asobal, prexudica gravemente a imaxe e a honorabilidade de BM Guadalajara, podéndonos chegar a causar graves prexuízos económicos", sinalan.
A directiva do club manchego puxo o caso "en mans dos nosos asesores juríricos" e tacha de "grave irresponsabilidade" as acusacións do Teucro no que entenden supón "un feito inaceptable e sobre o que entendemos débesenos unha desculpa".
O Guadalajara deféndese das acusacións de falta de pagamento asegurando que a entidade "cumpriu todos os compromisos que tiña coa liga ASOBAL, como así se lle aclarou a SD Teucro na última Asemblea Xeral".
Os pontevedreses trasladaron á Comisión de Seguimento da Real Federación Española de Balonmán o caso, ao entender que os estatutos de Asobal recollen claramente que a falta de pagamento dunha cota debe ser castigada co descenso.
"Lamentamos sinceramente o descenso de SD Teucro", sinala o comunicado do Guadalajara facendo fincapé en que "nos parece inaceptable que se tente conseguir nos despachos o que non se foi capaz de conseguir nas pistas de xogo".