Apoio pleno da Federación Española de Natación a Bea Gómez: "Es un talento"
Por Diego Espiño
Foi un ano complicado para Bea Gómez Cortés, que comezou coa operación de corazón á que tivo que ser sometida para solucionar unha doenza conxénita, continuou cunhas dores de cabeza que lle impedían adestrar en boas condicións e terminou coa súa non clasificación para os Xogos Olímpicos de Río, obxectivo para o que traballou durante os últimos anos.
Estas dificultades e o seu espírito de loita e superación non pasaron desapercibidas para a Federación Española de Natación, que segue confiando nas súas posibilidades.
Así o recoñeceu o presidente federativo, Fernando Carpena, nunha visita á cidade de Lérez, na que sinalou que "Bea es un talento" e que segue tendo todo o apoio dos técnicos nacionais.
"La veo serena y con ganas de seguir", explicou Carpena, unha afirmación que tivo continuidade coas palabras do presidente da Federación Galega, Carlos Bremón, ao sinalar que "podemos esperar grandes cosas de ella".
Bremón fixo balance do último ano da pontevedresa, na que se sobrepuxo a "una recuperación muy larga" e a pesar diso estivo preto das súas mellores marcas no Open de Primavera, no que debía buscar a clasificación olímpica.
Respaldo sen fisuras para Bea Gómez, que aos poucos conta con recuperar sensacións deixando atrás os problemas físicos que limitaron o seu rendemento.
Relacionadas:
-
Impulsan unha petición popular para que Bea Gómez poida acudir aos Xogos Olímpicos
Por Diego Espiño |
-
O soño olímpico esfúmase para Bea Gómez Cortés
Por Diego Espiño |
-
A Bea Gómez escápaselle o billete olímpico nos 400 estilos
Por Diego Espiño |
-
Bea Gómez, incluída no programa 'Becas Podium' do Comité Olímpico Español e Telefónica
Por Diego Espiño |