Mareantes cumpre ante Muralla e PRC cae en Vilagarcía
Por Redacción
A última xornada do ano na Primeira Territorial Galega de rugby deparou sorte dispar para os equipos pontevedreses.
A cara foi para o Mareantes, que conseguiu un contundente triunfo en Monte Porreiro ante o Muralla lugués (39-14), sumando ademais bonus ofensivo grazas aos seis ensaios logrados.
Os pontevedreses anotaron ademais tres transformacións e un golpe de castigo facendo valer os prognósticos ante un rival que apenas inquietou.
De feito o Mareantes aproveitou na parte final do partido para dar minutos aos xogadores que menos actuaran ata o momento.
O triunfo mantén ao equipo adestrado por Mariano Berlande na terceira praza da clasificación con 13 puntos.
Máis abaixo, quinto con oito puntos, está o Pontevedra Rugby Club, que non conseguiu superar a Os Ingleses no seu compromiso da fin de semana.
O PRC sufriu en defensa ante os vilagarciáns, que levaron o duelo por 27 a 17.
Agora, os dous equipos pontevedreses céntranse nas festas do Nadal mirando de esguello o primeiro partido ligueiro de 2016, o derbi da cidade de Lérez previsto para o día 16 de xaneiro.