O Pontevedra Rugby Club leva o derbi ante Mareantes (10-5)
Por Diego Torrado
Vibrante e intenso derbi o disputado no campo de Monte Porreiro entre os dous equipos de rugby da cidade, o Pontevedra Rugby Club e o Mareantes.
O choque, rodeado dun bo ambiente nas bancadas, decidiuse na primeira metade e estivo caracterizado polo acerto defensivo de ambos os equipos.
O PRC adiantouse aos 4 minutos cun golpe de castigo, pero o Mareantes conseguiu ensaiar só tres minutos despois para voltear o marcador e poñerse 3-5.
Os dous equipos contaron con opcións de anotar desde ese momento, pero fallaban nos metros finais ata que Álvaro atopou oco para ensaiar baixo paus e colocar o 10-5 para irse ao descanso.
A pesar de que Mareantes mellorou tras o descanso o marcador xa non se movería, fallando ambos os bandos un golpe de castigo.
Este resultado deixa aínda ao Mareantes por diante na clasificación da Primeira Galega, sendo cuarto con 16 puntos, pero o Pontevedra Rugby Club achégase con 12 puntos desde a quinta praza e afastando os postos de perigo.