Reacción do Sanxenxo, freada do Villalonga e problemas para Portonovo e Unión Grove
Por Redacción
Un gol de ouro de Currás no último minuto deu ao Xuventú Sanxenxo tres puntos de ouro na súa visita ao campo do Cultural Areas (2-3).
Os amarelos toman aire na clasificación despois dun encontro de alternativas e goles no que empezou perdendo moi cedo e remontou despois, con goles de Diego González e Currás, o segundo tras o descanso cando o Areas xogaba en inferioridade pola expulsión de Nuno.
Agra fixo a igualada para os locais, pero o Sanxenxo materializou a súa última oportunidade para quedar cos puntos en xogo e situarse na décimo cuarta praza con 22 puntos.
Por baixo, con 21 puntos na décimo sexta posición, atópase un Portonovo que non pasou do empate (2-2) en Baltar ante o Valladares, aínda que os arlequinados salvaron un punto nos compases finais dun choque con dous expulsados, un por bando.
O Portonovo empezou dominando cun tanto de Aboubacar no primeiro acto, pero o Valladares empatou tras o descanso e no 88 facía o 1-2. O gol parecía definitivo, pero Aboubacar volveu anotar na seguinte acción certificar o empate.
En problemas está tamén o Unión Grove, ao fío do descenso directo no decimoséptimo posto con 19 puntos, despois de caer no seu campo ante o Porriño Industrial (2-3) nun partido no que sempre foi a remolque no marcador.
Pola súa banda, no máis alto e cunha ampla vantaxe continúa o Villalonga a pesar do seu empate sen goles na casa do Atios, mentres o Céltiga caeu derrotado ante o Gondomar (3-2) e queda na cuarta praza con 32 puntos, a catro da zona de ascenso directo.