Semana para recuperar aos tocados antes de afrontar o 'Tourmalet'
Por Diego Espiño
O primeiro equipo da Sociedad Deportiva Teucro retoma este mércores os adestramentos tras varios días de descanso nunha semana atípca, na que non afrontarán ningún partido a fin de semana.
O compromiso internacional da Selección Española en Polonia paraliza por unha semana a liga Asobal, situación idónea para recuperar o ton físico de varios xogadores, que nas últimas semanas arrastraron diversas molestias físicas.
É o caso especialmente de David Chapela, con problemas no ombreiro, e Edu Moledo, que leva varias semanas sufrindo dor nas costas.
O corpo técnico teucrista planificou unha semana de adestramentos con descanso o domingo para preparar a visita ao Municipal, o mércores 11 de novembro (20:45 horas), do potente Naturhouse La Rioja.
Será un partido adiantado pola participación na Champions do conxunto rioxano, circunstancia que volverá dar dez días aos pontevedreses antes de afrontar o segundo duelo do seu Tourmalet particular, a viaxe á cancha do todopoderoso Barcelona (21 de novembro), equipo que non perde en liga desde o 18 de maio de 2013.
Desta forma Quique Domínguez, aínda que con precaución cos tocados, contará con tempo para corrixir o erros dos últimos partidos, algo que se fai imprescindible para poder conservar primeiro a súa condición de invicto como local e conseguir despois plantar cara a un dos mellores equipos de Europa.
JOSÉ MANUEL RIAL, COA SELECCIÓN ESPAÑOLA UNIVERSITARIA
O técnico azul non poderá contar ata a próxima semana cun dos seus xogadores, José Manuel Rial, ao estar convocado pola Selección Española Universitaria, que coincidindo en datas e lugar coa Absoluta disputa un torneo amigable.
Rial viaxa este xoves a Polonia para afrontar senllos partidos cos segundos equipos de Polonia, Noruega e Dinamarca.
Relacionadas:
-
O Teucro roza a gloria pero cede ao final fronte a Naturhouse La Rioja (30-32) nun gran partido
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Conxura teucrista para dar a sorpresa ante o invicto Naturhouse La Rioja
Por Diego Espiño |
-
O Villa de Aranda pode cun combativo Teucro (35-29)
Por Redacción |
-
Adeus aos partidos en sábado no Municipal
Por Diego Espiño | Creada e actualizada