Pequenos cambios nun Medio Maratón que volve bater o seu record de inscrición
Por Diego Espiño
Volveuno facer. O Medio Maratón de Pontevedra, na súa XX edición, batirá a súa record de participación.
A proba atlética, que pecha o calendario do Circuíto de Carreiras Populares, rematou o periodo de anotación con 1.734 deportistas inscritos, 98 máis que a pasada edición, sendo o de máis idade (80 anos) o marinense Manuel Rosales e os de menos (18 anos) dez alumnos da Escola Naval Militar.
Será unha vez máis "unha das probas deportivas máis agardadas do calendario", recoñeceu a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.
Así pois o vindeiro domingo, desde as 11:00 horas, Pontevedra empaparase de deporte popular nun evento que crece amodo pero con boa letra, e que xa pensa en poñer un límite de preto de 2.000 participantes.
Como novidade de última hora, o percorrido sufrirá un pequeno cambio no seu tramo final ao non poder terminar dentro do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, tendo en conta que as obras da nova pista non foron recepcionadas aínda pola Xunta de Galicia.
Pese ao contratempo, a previsión da Sociedad Gimnástica permite que a proba siga sendo homologada, ao ter validado un percorrido alternativo que só varía nos últimos metros sobre o plan inicial, cando realizarán un xiro completo á rotonda da ponte dos Tirantes para subir por Xosé Malvar e concluír en Fernando Olmedo, no exterior do CGTD.
A nivel competitivo, entre os inscritos repiten os vencedores da pasada edición, Robertas Geralavicius e Leticia Fernández, ademais do segundo clasificado Manuel Hurtado ou a ex-campioa de España de maratón, María Jesús Gestido.
RECOLLIDA DE ALIMENTOS
Como cada ano o Medio Maratón contará tamén cun marcado carácter solidario organizando unha recollida de alimentos en beneficio do Comedor Social de San Francisco.
Relacionadas:
-
Manuel Hurtado e Leticia Fernández, triunfadores nun espectacular Medio Maratón de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Así quedará o tráfico o domingo durante o Medio Maratón
Por Redacción |
-
Alto ritmo de inscrición para o Medio Maratón de Pontevedra
Por Redacción |
-
Abre a inscrición para o XX Medio Maratón Cidade de Pontevedra
Por Redacción |