Así quedará o tráfico o domingo durante o Medio Maratón
Por Redacción
A celebración do Medio Maratón Pontevedra 2015 conlevará este domingo 18 de outubro unha serie de restriccións circulatorias dende primeira hora da mañá e ata primeira hora da tarde nalgunhas zonas do percorrido. A proba comezará ás 10.30 e rematará sobre as 13.00 horas, pero as limitacións no tráfico prolongaranse máis tempo.
A proba sairá da ponte dos Tirantes e chegará ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva da rúa Fernando Olmedo. Durante o tempo que dure, prohíbese o estacionamento nas rúas Padre Gaite e Iglesias Vilarelle (entre Alcalde Hevia e Antón Taboada Nieto). No resto do percorrido non se prohibe aparcar, pero non se poderá mover os vehículos ata o remate da carreira.
Entre as 10.00 e as 13.30 horas os residentes do interior do perímetro delimitado polas rúas Arcebispo Malvar, Riestra, Paseo de Odriozola, rúa Real e Avenida Bos Aires non poderán acceder con vehículo. Para saír do casco histórico habilitarase un paso pola praza de España cara á rúa Alameda nos momentos nos que non se interrompa a carreira.
A primeira rúa en pechar á circulación será Padre Fernando Olmedo, a partir das 6.00 horas, e esta será tamén a zona na que máis tardará en quedar totalmente restablecido o tráfico dez horas máis tarde, arredor das 16.00.
A ponte dos Tirantes quedará pechada a partir das 7.00 horas en sentido entrada a Pontevedra e a partir das 10.00 horas no sentido contrario. A avenida Bos Aires estará pechada a partir das 9.00, Xosé Malvar cerrará a partir das 10.00 e Padre Gaite dende as 10.30 horas. Ademais, xa a partir das 10.30 horas comezarán as restricións circulatorias nas zonas afectadas pola proba, de forma escalonada ata o peche total do circuito sobre as 10.45 horas.
O restablecemento da circulación está previsto para as 13.30 horas e será tamén de xeito progresivo, de tal maneira que se prevé que a partir das 14.00 quede aberta a rúa Xosé Malvar e a partir das 14.30 a ponte dos Tirantes e a avenida Bos Aires.
No operativo de tráfico participarán unhas 85 persoas entre axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil.