Mal partido do Cisne, vítima dos seus erros ante Alarcos Ciudad Real (30-37)
Por Ramiro Espiño
Cando un equipo encaixa 37 goles no seu propio feudo é pouco menos que imposible que poida gañar o partido. Semellante cifra, se ademais o teu porteiro é un dos mellores xogadores sobre a pista, reflicte que se cometeron moitos erros, demasiados, como para pensar, salvo un milagre, en adxudicarse os puntos en disputa.
E ese milagre non se deu. Máis que gañar Alarcos, que o fixo con xustiza, perdeu un Cisne ao que case todo lle saíu mal. Xogando a tiróns. Combinando arrebatos de amor propio que lle levaban a achegarse e concibir esperanzas, con longos momentos de descoido colectivo, acompañados dunha certa sensación de falta de intensidade.
Acumulación de erros en ataque, a maioría deles froito da precipitación de bastantes accións, e facilidades defensivas, especialmente polo centro, incapaces de tapar as conexións do central co pivote, nin os lanzamentos de Álvaro Torres e do excisneísta Andrés Sánchez. Foron as causas que levaron á derrota.
E iso que as cousas non comezaron mal. Os de Edín Covelo levaron a iniciativa ata o minuto 16 de partido (10-7), cando un oportuno tempo morto do técnico visitante fixo cambiar as cousas. Os pontevedreses sufriron o seu primeiro "desfalecemento" do partido, encaixando un parcial de 0-5, para verse por detrás no marcador.
Reacción para chegar ao descanso co marcador igualado, pero ao regreso de vestiarios segundo fochanca ou focha. Parcial de 1-6 para Alarcos, que poñía o marcador en 17-22. Sería o principio do fin. Xogando a tiróns, o Cisne conseguía abrir rendixa á esperanza nun par de ocasións, achegándose a só un gol do seu rival, en ambos os casos para volver encaixar dolorosos parciais, que permitiron aos alcarreños chegar ao final aproveitando incluso o desconcerto local, entregado a desacertadas accións individuais, para finalizar coa máxima diferenza do partido.
BM CISNE (30): Toño Lafuente, Pablo Galán; Iván Abilleira (3), Bruno Montesinos (1), Álex Chan (2), Pablo Picallo (1), Ramón Gil (5), Fabián González (1), Miguel Simón, Javi Vázquez (4), Carlos Pombo (1), Iago Cuadrado (2), Pablo Vidal (2), Pablo Rey, Pepe Camiña e Guillermo Rial (8).
ALARCOS CIUDAD REAL (37): Mario Blanco, Javier de la Cruz; Herrero (6), Lumbreras (1), Yuste, Nelson Espino (1), Antonio Fernández (5), Candeleda (3), Serrano, Vidal (5), Andrés Sánchez (6), Brian (2), Álex (1), Álvaro Torres (4), Manuel Vázquez (3) e Granados.
Árbitros: Daniel Portela Fernández e Martín Rodríguez Mondelo (Galicia). Excluíron dous minutos a Ivan Abilleira, Fabián González e Pablo Vidal, polo Cisne, e a Álex, Álvaro Torres e Antonio Fernández (3, descualificado no minuto 55), polos visitantes.
Marcador (cada cinco minutos): 2-1, 4-4, 8-6, 10-9, 11-13, 16-16 (descanso), 17-22, 21-24, 24-26, 26-29, 28-32 e 30-37 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 250 espectadores.
Relacionadas:
-
Javi Díaz e Fernando Hernández frean a un bo Cisne ante Atlético Valladolid (24-30)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Cisne paga coa derrota en Irún (33-25) o seu baixón de xogo antes do descanso
Por Redacción |
-
O maior oficio de Juanfersa Gijón apea o Cisne da Copa do Rei (25-27)
Por Ramiro Espiño |
-
Handbol Bordils non dá opción a un Cisne que compite ata o final (31-27)
Por Redacción |
-
Cisne e Grupo Covadonga reparten puntos (24-24) nun partido sen dono
Por Ramiro Espiño |