O maior oficio de Juanfersa Gijón apea o Cisne da Copa do Rei (25-27)
Por Ramiro Espiño
Bo partido do Cisne, a pesar de caer eliminado na Copa do Rei fronte a un Juanfersa Gijón que tivo que traballar moito para dobregar aos de Edín Covelo nun partido con alternativas na primeira parte e lixeiro dominio visitante na continuación.
Os pontevedreses foron por diante durante bastantes momentos no primeiro tempo, aínda que Juanfersa non permitiu que a vantaxe chegase a superar os dous goles.
A falta de oito minutos para o descanso prodúcese o primeiro momento clave do partido. Con 13-11 no marcador o Cisne fai unha magnífica recuperación defensiva, pero precipítase na transición de ataque, que termina cun mal pase e a perda de balón. Os xixoneses non o desaproveitan e do posible 14-11 pasaríase ao descanso con empate no marcador.
O seguinte momento clave foi o inicio do segundo período. Os visitantes regresaron á pista moi intensos, logrando un parcial de 0-3 nos catro primeiros minutos. Sería decisivo xa que esa curta diferenza bastou ao conxunto asturiano, que soubo administrala con oficio e experiencia ata o final, a pesar de que os de Edín Covelo chegaron nalgún momento para poñerse a un só gol de distancia.
Destacar a boa actuación baixo paus de Samuel García na porta visitante, e de Pablo Galán, na pontevedresa, pero o que realmente decidiu a eliminatoria foi a fortaleza defensiva e a experiencia que exhibiu o Juanfersa Gijón, especialmente á hora de afrontar os momentos de maior compromiso, conseguindo a clasificación para a seguinte rolda, non sen sufrir.
BM CISNE (25): Toño Lafuente, Pablo Galán, Santi Cuenca; Iván Abilleira (2), Bruno Montesinos (1), Álex Chan (3), Ramón Gil (2), Fabián González (2), Miguel Simón, Javi Vázquez (1), Carlos Pombo (3), Iago Cuadrado (7), Pablo Vidal (1), Pablo Rey (1), Pepe Camiña e Guillermo Rial (2).
JUANFERSA GIJÓN (27): Esteban Galarza, Samuel García; Raúl Blanco (4), Rionda, Rubén Río (3), Adrián Fernández (2), David Ortega, Pellitero (9), Cancio (1), Pablo Rodríguez, Iván Álvarez, Ricardo Díez (2), Serdio (2), Íñigo Álvarez, César Beret (4) e David Plaza.
Árbitros: Sergio Rodríguez Estévez e Andrés Rosendo López (Galicia). Excluíron dous minutos a Iago Cuadrado e Miguel Simón, polo Cisne, e a Adrián Fernández, Cancio e Serdio, polos asturianos.
Marcador (cada cinco minutos): 3-2, 5-5, 9-7, 11-10, 13-13, 14-14 (descanso), 15-17, 16-19, 18-21, 20-22, 22-24 e 25-27 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Partido da primeira eliminatoria da Copa do Rei. Uns 200 espectadores.
Relacionadas:
-
O Cisne paga coa derrota en Irún (33-25) o seu baixón de xogo antes do descanso
Por Redacción |
-
Mal partido do Cisne, vítima dos seus erros ante Alarcos Ciudad Real (30-37)
Por Ramiro Espiño |
-
Ánimos de revancha para o debut do Cisne na Copa do Rei
Por Redacción |
-
Handbol Bordils non dá opción a un Cisne que compite ata o final (31-27)
Por Redacción |