Ánimos de revancha para o debut do Cisne na Copa do Rei
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Cambio de terzo para o Club Cisne Balonmano, que este sábado afronta con ilusión o seu debut na Copa do Rei.
Os pontevedreses reciben no Centro Galego de Tecnificación (17:30 horas) ao Juanfersa Gijón, equipo ante o que perderon na segunda xornada da División de Honor Prata por 32-24.
Con todo esta é outra historia, unha competición diferente cuxos dezaseisavos de final dispútanse nunha eliminatoria a partido único, feito ao que se agarran nun cadro cineísta con ánimos de revancha.
"No primeiro partido de liga foi o Juanfersa o que se levou a vitoria, polo que o equipo ten moitas ganas de revancha e que mellor momento que no noso debut en Copa do Rei", recoñece Santiago Picallo.
O Cisne esqueceu xa a derrota da pasada fin de semana en Bordils e conxúrase para avanzar en Copa do Rei para poder xogar ante un equipo da máxima categoría, que no seu caso sería o Ángel Ximénez de Puente Genil, segundo o que deparou no seu día o sorteo.
A segunda rolda da competición xogaríase, tamén en Pontevedra, o día 28 de outubro.