O Peixe Galego dá a sorpresa na Copa Galicia eliminando ao Breogán (71-69)
Por Redacción
Era o primeiro partido de pretempada pero apenas se notou no Peixe Galego. O conxunto marinense ofreceu unha grande imaxe, sobre todo en defensa, e deu a gran sorpresa da rolda inicial da Copa Galicia ao eliminar ao Breogán (71-69), equipo de LEB Ouro e que pasa por ser un dos grandes favoritos ao ascenso.
Os de Javi Llorente ofreceron boas sensacións invitando ao optimismo cara a tempada oficial, aínda que sexa pronto xa que o equipo leva apenas dúas semanas adestrando.
As últimas incorporacións, como Antonio Pantín (17 puntos) ou Alejandro Navajas (13), raiaron a un alto nivel, ao que se sumou a achega de Rogers (14) ou Norman Rey (11).
Con todo o partido foi do máis igualado, co Peixe Galego mandando no marcador ata o inicio do último cuarto, no que os lugueses apertaron e tiveron opcións de levarse o encontro.
Aos de Marín espéralles agora en semifinais o Obradoiro de Liga ACB, nun partido que se disputará o vindeiro venres no pabellón Paco Paz de Ourense a partir das 19:00 horas.
En caso de dar de novo a sorpresa, a final xogaríase o domingo ás 20:00 horas no mesmo escenario.
Relacionadas:
-
Darío Suárez súmase ao proxecto do Peixe Galego
Por Redacción |
-
Un sensacional Marín Peixe Galego roza a proeza contra o Obradoiro (73-70) na Copa Galicia
Por Redacción |
-
Varios equipos de LEB, co Peixe Galego á cabeza, plantexan fusionar as categorías Ouro e Prata
Por Diego Espiño |
-
O Peixe Galego toma aire coa firma dun acordo de patrocinio con ENCE
Por Redacción |