En Ponte Caldelas tamén son do Celta
Por Redacción
Ponte Caldelas deixouse invadir, polo menos durante un día, polo sentimento celtista. E todo pola inauguración oficial da peña do Real Club Celta de Vigo no municipio. Ata o Mesón Parada trasladáronse o presidente do equipo, Carlos Mouriño, e tres dos seus xogadores: Iago Aspas, Josep Señé e Sergio. Todos eles serviron como ‘padriños’ dunha agrupación que se deu en chamar Peña Celta do Verdugo.
Á súa chegada, a comitiva foi recibida coa interpretación improvisada dun grupo de gaitas celtistas que entoaron o himno do equipo celeste así como o himno de Galicia.
Seguidamente entraron na sede deste colectivo de afeccionados, que os recibiron a gritos de "Hala Celta!", "Celta Campión" e toda unha serie de cánticos dedicados a todos e cada un dos xogadores presentes.
O presidente da Peña Celta do Verdugo, Bruno Montero, agradeceu emocionado a presenza do presidente do R.C. Celta, Carlos Mouriño, e dos xogadores e confesou que era un soño que nunca pensou acadar. "Ter tan preto de min a este home e a estes xogadores que tanto admiramos paréceme imposible", sinalou sobrepasado pola emoción.
Carlos Mouriño agradeceu a invitación e animou aos celtistas presentes, sobre todo aos numerosos nenos que abarrotaban o local, os seus apoios ao equipo "y no sólo cuando va bien, sino que me emocionó mucho el pasado año, cuando las cosas estaban difíciles, que Balaídos estaba lleno de gente como vosotros que animaba una y otra vez al equipo para llevarlo en volandas hasta la victoria. Vosotros sois el futuro del celtismo".
O presidente do Celta descubriu unha placa conmemorativa da inauguración oficial da peña entre aplausos dos concentrados tanto dentro como fóra do Mesón Parada, que se quedou moi pequeno para albergar a tanto celtista.
Tras un intercambio de agasallos, os xogadores Iago Aspas, Jose Señé e Sergio asinaron numerosos autógrafos a todos os que se achegaron a eles.