O Octavio toma a revancha e vence o Cisne no segundo partido de pretempada (21-26)
Por Redacción
Segundo compromiso amigable de pretempada para o Club Cisne e segundo partido ante o Academia Octavio, aínda que con diferente resultado.
Se hai uns días os de Edín Covelo se estrearon cun triunfo apertado (20-21), esta vez os vigueses tomaron a revancha vencendo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (21-26).
Os pontevedreses mostráronse de inicio imprecisos en ataque, circunstancia que aproveitaron os académicos para abrir unha brecha de catro tantos aos 10 minutos (3-7).
O Cisne continuou a remolque durante boa parte do choque, aínda que mellorando no seu xogo e tras o descanso, ao que se chegou cun 11-14, gozou dos seus mellores minutos.
Chegou a empatar o partido a 18 goles a falta dun cuarto de hora, pero baixou o seu rendemento nos instantes finais, o que aproveitou o Octavio para sentenciar.
Malia o resultado Edín Covelo volve extraer conclusións positivas dos seus ante un equipo como o vigués con aspiracións máis ambiciosas na División de Honra Prata.