Bronce para Lucía Vázquez no Campionato de España elite de BTT
Por Redacción
Chegaba a esta proba con grandes sensacións, pero finalmente Lucía Vázquez non puido subir ao máis alto do podio no Campionato de España elite de BTT que se disputou este domingo no circuíto de Las Contiendas (Valladolid).
A vitoria foi para Rocío Martín (Vicma), gañadora por segundo ano consecutivo e con bastante superioridade. Tras ela, cruzaba a liña de meta Anna Villar (Selección catalá) a 2:07 e Lucía Vázquez (Quintena), a 3:07.
Xa na primeira volta, a granadina cobrara 20 segundos de diferenza sobre Vázquez. Pero foi na segunda na que Martín daba o acelerón que ao cabo a levaría ao título, avantaxando xa en 1:10 á galega e en 1:50 á catalá.
No terceiro xiro, a renda de Martín xa era superior aos dous minutos, mentres que por detrás Villar recortaba a súa desvantaxe con respecto a Vázquez.
"Tiven unha caída e entre o tempo que perdín e o que pasou ata que me recuperei, superoume Anna. Isto é así, e quedo co que supón ter gañado unha medalla por primeira vez", comentaba a galega ao termo da proba.
Lucía Vázquez optou este ano por participar na modalidade olímpica de cross country olímpico (XCO), mentres que renunciou a participar o sábado na modalidade de eliminator, unha especialidade na que obtivo o subcampionato de España hai un ano na localidade oscense de Panticosa.
Relacionadas:
-
Defender o liderado, obxectivo de Lucía Vázquez en Portugal
Por Redacción |
-
Lucía Vázquez imponse na última proba do Open de Galicia en Castro Barbudo
Por Redacción |
-
Apoio da Xunta a Lucía Vázquez na súa carreira cara aos Xogos Olímpicos
Por Redacción |
-
Lucía Vázquez, "moi motivada" para lograr o seu primeiro campionato de España de BTT
Por Redacción |